A musealización do Castelo de Sobroso na recta final

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e a alcaldesa de Ponteareas  Cristina Fernández supervisan a innovadora intervención da fortaleza

02/03/2022

Castelo de Sobroso

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa de Ponteareas , Cristina Fernández, visitaron nas últimas horas o Castelo de Sobroso para supervisar as accións de musealización que entran na súa recta final cun renovado discurso museístico apoiado na dixitalización. Alí puideron comprobar a nova adecuación das estancias do Castelo a un espazo que cumpre unha dobre función: poñer en valor os recursos da comarca e ofrecer unha experiencia singular ás persoas visitantes a través das TIC. A obra está a ser realizada pola empresa Intervento tras ser adxudicada por importe de  216,224.05€.

Esta innovadora experiencia esta baseada nunha intervención vivencial, con diferentes producións audiovisuais e tendo en conta, por un lado, a estrutura arquitectónica do Castelo que sufriu múltiples modificacións froito de acontecementos históricos relevantes en Galicia e na comarca e, por outro lado, na importancia dos feitos acontecidos no Castelo e das personaxes vinculadas á fortaleza das que pouco se contou ata agora. Así, as persoas visitantes poderán descubrir a relación da raíña Urraca ou a raíña Isabel de Portugal co Castelo de Sobroso, ou o papel do xornalista Alejo Carrera na súa rehabilitación como espazo residencial na primeira metade do século XX.

Por iso, deseñouse unha intervención pioneira de musealización, onde en cada espazo as persoas visitantes serán sorprendidas por un espectáculo audiovisual diferente, onde as personaxes e sensacións tomarán o protagonismo para revivir diferentes historias ao longo de toda a visita e mantendo dous fitos no relato como é a recuperación da tradición oral entorno ao Castelo e á contorna.

As propias estancias do recinto histórico foron adecuadas para recibir ás persoas visitantes nun espazo no que se referencia a paisaxe e os recursos da comarca como o Balneario de Mondariz, A Franqueira ou o Castro de Troña, e a partir de aí percorrer as salas coas seguintes temáticas: a historia do Castelo e as persoas habitantes; o Castelo protagonista da historia; o Castelo da destrución á recuperación; os seres máxicos e a auga no Castelo; a pegada dos canteiros no Castelo e o Castelo escenario de cantigas e trobadores.  A visita finalizará nas terrazas da fortaleza situando as persoas visitantes na comarca e nos recursos da mesma aproveitando unha panorámica única.

Visita programada e adaptada a todos os públicos

A visita está pensada  para  grupos reducidos de ata 15 persoas como máximo, acompañadas dun guía que, mediante unha tableta dixital, activará e desactivará os diferentes espectáculos audiovisuais en forma de caixas máxicas, videomapping, xogos de luz e son, que se desenvolven nas distintas salas do castelo, e elixirá o idioma correspondente á visita (galego, castelán ou inglés). Amais, explicará os detalles históricos e anécdotas do edificio e das persoas que o habitaron adaptada tanto a visitas escolares cun carácter máis pedagóxico como a público familiar cun carácter máis lúdico. Esta musealización será ademais complementada con actividades musicais, teatrais e divulgativas ao longo do ano.

O obxectivo da Deputación de Pontevedra e do concello de Ponteareas é ultimar os detalles e a posta a punto do edificio e do bosque activando así un novo atractivo turístico para a provincia e, de maneira significativa, para a comarca do Condado-Paradanta. A institución provincial organizará a principios do mes de abril unha primeira visita ao Castelo xa musealizado cos medios de comunicación, para realizar posteriormente a inauguración oficial.

Tras esta intervención a provincia de Pontevedra converterase no único destino galego con espazos fortificados musealizados e adaptados ás novas tecnoloxías atraendo así a visitantes que demandan experiencias únicas.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.