Arrancan as obras de mellora da seguridade viaria na PE-9306 en Meaño

A Deputación financia o 70% do orzamento de medio millón de euros que dotará á estrada dunha rotonda, carrís delimitados e unha senda peonil

07/02/2022

Visita á PE-9306 en Meaño
 

A Deputación de Pontevedra continúa apostando polo seu modelo de mobilidade amable, sostible e segura con actuacións como a mellora da seguranza na viaria na EP-9306 Cobas-Padrenda, que discorre polo lugar de Aldea de Abaixo, en Meaño. Deste xeito, Deputación e Concello destinan un total de 537.130 euros para facer melloras na estrada das que se verá beneficiado tanto o tráfico rodado como peonil. A institución provincial aporta o 70% (375.991 euros) do orzamento mentres que o Meaño pon o 30% restante (161.139 euros). As actuacións contan cun prazo de execución de seis meses e xa están a dar os seus primeiros pasos. Comprobárono o deputado provincial Gregorio Agís e o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, quen visitaron o cruzamento coa EP-9305 onde se proxecta unha rotonda no marco destas actuacións.

Máis polo miúdo, a institución provincial actuará na totalidade desta estrada, de 820 metros, que na actualidade presenta unha calzada de ancho variable con dous sentidos de circulación e sen determinación de carrís nin beiravías e que tampouco conta con beirarrúas. Tralas obras a EP-9306 terá con dous carrís de circulación de 2,75 metros de ancho, un por sentido, unha beiravía de 50 centímetros e unha senda peonil de ancho variable que se adaptará ao espazo existente. Do mesmo xeito, ao inicio da actuación, dende o entronque coa EP-9302 polo antigo trazado, proxéctase unha zona de convivencia do tráfico rodado e peonil mediante unha plataforma elevada.

Ademais, o cruce ao que acudiron os representantes institucionais contará cunha rotonda con dous carrís de circulación de catro metros de ancho cada un e beiravías dun metro en ámbalas marxes. Ademais, iluminarase con tecnoloxía LED, máis respectuosa co medio ambiente. A estrada provincial tamén disporá de separadores que impidan que os vehículos invadan a senda peonil, redutores físicos de velocidade, pasos elevados para as persoas que camiñan e a correspondente sinalización horizontal e vertical.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.