A Deputación continúa a mellora da mobilidade peonil na EP-4006 ao seu paso polas Neves

As obras darán prioridade ao tránsito peonil e súmanse á recente mellora da rotonda que comunica a intersección desta vía coa EP-4202

28/01/2023

Proxecto EP4006 Ponteareas As Neves

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto de execución das obras de mellora da mobilidade peonil na EP-4006 Ponteareas–As Neves. Os traballos teñen un orzamento próximo aos 260.000 euros (258.394,57 €) e afectarán un tramo da vía de 480 metros, concretamente entre os puntos quilométricos 12+080 e 12+560, isto é, entre a rotonda que comunica coa EP-4202 ao IES Pazo da Mercé. A Deputación actuou recentemente tamén nesta vía, precisamente na rotonda entre estas dúas vías provinciais onde comezarán os traballos, dando polo tanto continuidade á mellora integral da estrada.

As obras permitirán mellorar a funcionalidade e a seguridade da vía para o tráfico rodado e peonil, que será prioritario. Incrementarase o espazo para as persoas con beirarrúas máis amplas na marxe esquerda, ordenarase o tráfico rodado e calmarase a velocidade cun novo paso peonil sobreelevado. As beirarrúas, de ancho variable, executaranse cun pavimento composto por saburra e formigón coloreado. Os vaos peonís disporán dun pavimento táctil indicador direccional e de botóns mediante lousa hidráulica sobre morteiro de cemento. Ademais, plantaranse 30 árbores para dar sombra.

O proxecto tamén inclúe outras actuacións como a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e a canalización soterrada do alumeado público na marxe esquerda, isto último co obxectivo de non ter que demolela no caso de que no futuro se decida dotala deste servizo. Ademais, instalarase a sinalización horizontal e vertical e reporanse tanto a varanda como as dúas marquesiñas situadas neste treito. Nas zonas de estacionamento acondicionaranse prazas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida.

A Deputación xa aprobou o pasado outubro o convenio de colaboración do Concello das Neves para o financiamento desta obra, ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello. Será sufragada totalmente con fondos provinciais, xa que para a parte correspondente ás Neves empregaranse fondos do Plan Concellos. Os traballos terán unha duración de seis meses.