A Deputación inicia en Rodeiro os traballos de emerxencia para a reparación da ponte da EP-6204 Portela-Antas de Ulla

As obras comezarán este luns e servirán para garantir a seguridade no viario provincial, afectado pola rotura dunha pedra

13/02/2022

A Deputación de Pontevedra iniciará este luns as obras de emerxencia para reparar os danos existentes na EP-6204 Portela-Antas de Ulla, no concello de Rodeiro, situados na zona do Rego de Santa Mariña, que afectan ao pavimento da ponte. As previsións son que os traballos de reparación, cun orzamento de 20.000 euros, poidan rematar antes do venres 18 e consistirán na reparación do tramo para garantir a seguridade das persoas usuarias nos seus desprazamento nesta estrada. Na actualidade unha das pedras do taboleiro da ponte atópase rota e tamén existen outras pedras con fendas. Ademais, a superficie sofre unha fochanca no seu pavimento, situada xusto enriba da rotura. Para poñer solución a esta situación a Deputación substituirá a pedra afectada, que será suplida por unha peza das mesmas dimensións, seguida da reposición do firme asfáltico.

Corte de tráfico e itinerarios alternativos

Mentres que o persoal técnico realiza os traballos pertinentes, a EP-6204 verase afectada por un corte de tráfico e os desvíos estarán sinalizados con carteis de obra. Neste senso, existen dous itinerarios alternativos. O primeiro deles vai dende o inicio da estrada afectada e pola EP-6201 Rodeiro-Vilela ata o final desta, en Vilafrío, pasando por Xabalde, Bagarelas e Cantelle ata chegar ao PQ 3+400 da EP-6205 San Salvador-Salto. O itinerario continúa pola EP-6205 ata chegar ao PQ 2+130 da estrada afectada. Trátase dun percorrido máis longo pero con mellor condicións para os camións de grandes dimensións.

O segundo itinerario proposto vai dende o PQ 0+500 da EP-6204 Portela-Antas de Ulla pola EP-6206 Portela-Pescoso ata o final desta. Dende aí pasa por Agrochoso ata chegar á EP-6204 á altura de Fondevila.