A Deputación inicia xa a actuación de emerxencia tralo desprendemento de terras na EP-0017

O afundimento da calzada acontecido esta madrugada foi provocado polas intensas choivas rexistradas na provincia a causa da borrasca Gérard

17/01/2023

Actuación de emerxencia na EP-0017 O Vao Campañó

A Deputación de Pontevedra iniciou xa este mediodía a actuación de emerxencia na EP-0017 O Vao-Campañó, entre os concellos de Poio e Pontevedra, na que esta pasada madrugada se produciu un desprendemento de terras nun tramo da calzada. O suceso afectou un vehículo que pasaba pola estrada provincial aínda que a súa condutora, que foi atendida no hospital, non sufriu feridas de gravidade.

O desprendemento produciuse no punto quilométrico 0+620 da EP-0017, no termo municipal de Pontevedra, por mor da incidencia das fortes choivas caídas a raíz da borrasca Gérard. A intensidade das precipitacións provocou que os arrastres de terra atascasen a taxea pola que transcorren as augas que desembocan na marxe dese punto da estrada, que linda cos terreos nos que se localiza o parque forestal da Tomba.

O persoal técnico da área de Infraestruturas da Deputación trasladouse á vía de xeito inmediato para colocar a sinalización da zona sinistrada e cortar a circulación da estrada, ademais de iniciar de forma inmediata a tramitación urxente do expediente para proceder á contratación da actuación. Os traballos corren a cargo da empresa COVSA, que este mediodía xa tiña trasladado as máquinas á zona e iniciado os traballos.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.