A Deputación pon á disposición dos concellos da provincia os 8 millóns de euros da cuarta edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Con estes recursos provinciais os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán impulsar novas instalacións deportivas, modernizar e mellorar as existentes, dotar de equipamento estes espazos ou adquirir terreos para uso deportivo
30/09/2026
A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o 17 de decembro o prazo para que os concellos soliciten os recursos postos á súa disposición dentro da cuarta convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Dotado de 8 millóns de euros, ao igual que a terceira convocatoria, os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poderán empregar estes recursos para subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivos ou a súa cuberta, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes, a dotación de equipamento e material para estes espazos ou tamén a adquisición de terreos para uso deportivo.
Os 8 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas repártense entre unha parte fixa de 75.000 euros que recibirán automaticamente todos os concellos, ata un total de 4.425.000 euros (o 55% do orzamento). Os 3.575.000 euros restantes, que se corresponden coa parte variable, serán repartidos entre os concellos. Este importe farase público nos próximos días, e estará en todo caso suxeito á poboación de cada municipio.
As achegas do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva, e permitirase financiar máis dun proxecto por concello. O importe mínimo dos proxectos sufragados será de 20.000 euros no caso de obras e de 6.000 euros no caso de subministracións, e serán compatibles tanto con outros plans de investimento da Deputación (como, por exemplo, o Plan +Provincia) como con subvencións doutras administracións públicas.