A Deputación avanza que destinará 61.000 euros a Vilagarcía de Arousa para financiar a mellora do firme na rúa Fontecarmoa e en dous tramos das travesías Rosalía de Castro

Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola visitaron hoxe o concello para anunciar que este venres se aprobarán en Xunta de Goberno os recursos para mellorar a capa de rodadura nestas rúas da cidade

08/05/2025

Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola visitaron hoxe o concello

Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola visitaron hoxe o Concello de Vilagarcía de Arousa onde anunciaron que a Deputación se encargará de financiar as obras de mellora do firme na rúa Fontecarmoa e en dous tramos das travesías Rosalía de Castro. Farao a través dun investimento de 61.000 euros procedentes da liña 1 do Plan +Provincia que serán aprobados este mesmo venres na Xunta de Goberno do organismo provincial.

Os deputados deron conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán ao Concello de Vilagarcía de Arousa mellorar a capa de rodadura da rúa Fontecarmoa e de dous tramos das travesías Rosalía de Castro (O Carril), realizando un fresado previo nas zonas nas que non se pode elevar a rasante da vía. A actuación contempla a limpeza e rozadura do camiño, o barrido por medios mecánicos, a execución da nova capa de rodadura, o recalce das tapas de rexistro a rasante da vía, a execución de dous lombos redutores da velocidade e a reposición da sinalización horizontal e vertical, así como das marcas viarias.

Tourís e Guisasola recordaron que neste 2025 Vilagarcía de Arousa recibirá 1,5 millóns de euros a través do Plan +Provincia da Deputación.  Neste eido enxalzaron este programa que representa "á perfección a nosa forma de traballar, escoitando, atendendo e dando resposta ás demandas dos concellos para transformalos e, así, conseguir que esta provincia avance como nunca antes fixera". E aseguraron que "plans como este permiten que concellos como Vilagarcía de Arousa poidan afrontar investimentos e impulsar actuacións transformadoras, como a de Fontecarmoa e O Carril, que modernizan o territorio e melloran a calidade de vida da veciñanza".

Pavillón e instalacións deportivas de Fontecarmoa

Desde que Luis López goberna na Deputación de Pontevedra investíronse preto de 3 millóns de euros na mellora do pavillón e das instalacións deportivas de Fontecarmoa. En concreto, destináronse xa 2,1 millóns de euros para a ampliación das piscinas, preto de 425.400 euros para o acondicionamento do interior do pavillón, máis de 164.000 euros para a reforma da pista de atletismo, preto de 96.000 euros para o saneamento do camiño da Regueira que conduce a Fontecarmoa, outros preto de 60.000 euros para a instalación de dúas pantallas LED e preto de 8.000 para instalar butacas no pavillón.