Luis López confirma que a Deputación destinará preto dun millón de euros para achegar o programa de convivencia veciñal +Convivir a máis dunha trintena de concellos entre o 2026 e o 2027

“Queremos seguir fortalecendo o movemento asociativo e o tecido veciñal e dinamizando a vida nos concellos para o avance desta provincia extraordinaria”, remarcou o presidente

27/03/2026

Luis López confirma que a Deputación destinará preto dun millón de euros para achegar o programa de convivencia veciñal +Convivir a máis dunha trintena de concellos entre o 2026 e o 2027

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de confirmar en conferencia de prensa posterior á Xunta de Goberno semanal que o organismo provincial destinará preto dun millón de euros para achegar o programa de convivencia veciñal +Convivir a máis dunha trintena de concellos entre este 2026 e o 2027. “Queremos seguir fortalecendo o movemento asociativo e o tecido veciñal e dinamizando a vida nos concellos para o avance desta provincia extraordinaria”, remarcou o presidente.

Esta previsto que +Convivir comece en maio deste ano e se estenda ata marzo do 2027, chegando a 33 concellos, 18 este ano e 15 o próximo. Deste xeito, cos recursos aprobados pola Xunta de Goberno poderanse sufragar os gastos de produción e montaxe das sesións, as actividades infantís e xuvenís, o aluguer dos espazos e das carpas, os inchables, os obradoiros, a animación musical ou, entre outros, os gastos de limpeza e sanitarios.

+Convivir trátase dunha serie de xornadas de convivencia veciñal nos concellos que inclúen actividades lúdicas e infantís. O seu obxectivo e fomentar a interacción social pero tamén teñen unha compoñente formativa, xa que inclúen sesións informativas relacionadas con cuestións como a saúde ou o emprego das novas tecnoloxías. Ata a data, tal e como explicou o presidente, participaron 10.000 persoas nesta iniciativa provincial.

audios