Areeiro detecta síntomas notorios de black rot e recomenda extremar a vixilancia ante as condicións climatolóxicas previstas, moi favorables ao fungo

O centro da Deputación prevé un aumento de risco de infección de mildio de cumprirse as previsións meteorolóxicas dos vindeiros días. Tamén aconsella tratar o oídio e retirar brotes rotos polo vento para evitar a botrite nas viñas

27/05/2023

Aviso Fitosanitario de Areeiro 26 de maio de 2023

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda extremar a vixilancia ante as condicións climatolóxicas previstas, moi favorables ao black rot. O centro dependente da institución provincial ten detectado síntomas notorios deste fungo e aconsella considerar este patóxeno nos potenciais tratamentos que se realicen nas viñas. Ademais, tamén prevé un aumento do risco de infección de mildio, aconsella tratar o oídio, retirar brotes rotos polo vento para evitar a botrite nas viñas e incrementar a vixilancia ante a cydalima perspectalis do buxo.

Tralas xornadas secas e solleiras desta semana na maior parte do territorio en case todas as viñas visitadas non houbo novos síntomas de infección de mildio, salvo algunha mancha esporádica máis ou menos incipiente. De feito, desde o día 11 de maio, as capturas de esporas están sendo moi reducidas. Sen embargo, as previsións meteorolóxicas apuntan altas temperaturas diúrnas e nocturnas e ventos de dirección variable ou húmidos do oeste ou do suroeste que, de cumprirse, elevan o risco de infección polo que será convinte facer unha revisión das viñas e tratar no caso de terse presentado síntomas ou sospeitar dunha contaminación anterior mal controlada.

Areeiro tamén recomenda seguir tratando contra o oídio, ao atopar novamente follas co micelo propio deste patóxeno, e retirar os brotes rotos polos ventos fortes dos días pasados xa que, ante a previsión de precipitacións, elévase o risco de fungos oportunistas como é o causante da botrite. Ademais, o centro dependente da Deputación aconsella, trala floración, despuntar as vides con vexetación excesiva, para evitar retencións de humidade que favorezan aos patóxenos.

No que respecta ao buxo, recoméndase incrementar a vixilancia ante a cydalima perspectalis. Desde  hai dúas semanas o persoal do centro dependente da Deputación está a rexistrar nacementos de adultos no laboratorio pero, nesta ocasión, tense capturado xa o primeiro exemplar nunha trampa.

Galerias de imaxes