A Estación Fitopatolóxica Areeiro aconsella continuar a vixilancia da viña ante o mildio, oídio e botrite

O centro dependente da Deputación advirte da importancia de aplicar tratamento debido ao aumento do oídio. Tamén preparados antimildio naquelas viñas nas que, polo  desenvolvemento da vexetación, non chegaron os tratamentos

21/07/2023

Manchas abundantes parte superior parras

A Estación Fitopatolóxica Areeiro aconsella continuar a vixilancia da viña ante o mildio, oídio e botrite. O centro dependente da Deputación de Pontevedra advirte da importancia de aplicar tratamento debido ao aumento do oídio e tamén preparados antimildio naquelas viñas nas que, polo desenvolvemento da vexetación, non chegaron os tratamentos. Ademais, Areeiro advirte sobre o aumento da erinose de verán e sobre novos síntomas de enfermidades de madeira.

No relativo o mildio non se ten detectado empeoramento nas viñas. Non obstante, naquelas zonas máis frondosas, onde non chegou o tratamento, si se teñen atopado novas manchas. Debido a previsión de posibilidade de precipitacións que se espera para os próximos días, recoméndase tratar as viñas cun funxicida a base de cobre.

A falta de choiva dos últimos días ten favorecido a presenza do oídio nas viñas. Areeiro detectou un incremento no número de acios afectados entre os cales, os máis danados son as variedades sensibles e en acios rebuscos. Debido a que o pintando non está completo, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar un antioídio á par do funxicida de cobre.

Tamén se recomenda o control e tratamento da viña ante o avance da botrite. En especial en viñas onde hai cepas de diversas variedades temperás, nas que o avance na fenoloxía conduce a un maior contido de azucre dos grans e hai máis afectación.  Neste caso, así como en variedades sensibles, é aconsellable aplicar un tratamento dirixido aos acios.

Como consecuencia da calor dos últimos días a sintomatoloxía das enfermidades de madeira acentuouse, así como o desequilibrio hídrico que está afectando a algunhas das viñas. Tamén segue a aumentar a erinose de verán.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 17 resultados.