Areeiro alerta dun crecemento exponencial de mildio debido ás climatoloxía favorable ao patóxeno e recomenda vixilancia continua e exhaustiva

O Centro Fitopatolóxico da Deputación aconsella renovar os tratamentos pola fase da uva na que se atopan as viñas e recomenda funxicida con materia activa sistémica unido, polo menos, a un funxicida de contacto

02/06/2023

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra ven de lanzar un novo aviso fitosanitario no que alerta dun elevado crecemento de concentración de esporas de mildio que, no equipo instalado na viña da EFA, teñen subido dos 20 esporanxios por día aos 5.000 rexistrados estes días. Ante esta situación e atendendo ás previsións das diferentes axencias meteorolóxicas, o centro dependente da institución provincial aconsella vixilancia continua e exhaustiva e renovar os tratamentos.

As condicións previstas para a vindeira semana son, segundo Areeiro, moi favorables ao mildio polo que, tendo en conta a fase da uva na que se atopan as viñas, cómpre renovar os tratamentos. As e os técnicos da Deputación recomendan que o funxicida elixido conteña unha materia activa sistémica (pode ser penetrante ou de fixación ás ceras cuticulares nas viñas pouco afectadas de mildio) unida, polo menos, a un funxicida de contacto. Ademais aconsellan aplicar os tratamentos cando as follas das plantes estean secas, con ventos de, como máximo, 11 km/h, e espallándoo por todos os órganos das plantas. Tamén recordan que é imprescindible que a vexetación acompañante se manteña baixo control.

Por outra banda, Areeiro informa que non se observaron síntomas de avelaíña da uva, oídio,  black rot  nin de botrite, a pesar de que se deron condicións propicias para o seu crecemento, pero recomenda continuar vixiantes. No caso do oídio aconsella protexer os acios fronte ao patóxeno, máis considerando que a humidade relativa elevada e a iluminación indirecta destes días son, xunto coas temperaturas rexistradas, condicións moi favorables. En canto á botrite advirte que, ao terse dado precipitacións cando as viñas aínda non terminaran a floración, moitos capuchóns florais non se desprenderon e sobre os seus restos pode instalase este fungo.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.