Todo listo para a gala dos VI Premios Provinciais á Xuventude que a Deputación celebra o vindeiro venres

O evento celebrarase no Salón de Plenos do Pazo provincial, conducido pola xornalista e actriz Adela Bértolo e contará coa actuación de Eva Pico, mentorizada en Descúbreas

14/11/2022

A Deputación de Pontevedra celebrará o próximo venres 18 de novembro a Gala de entrega dos VI Premios Provinciais á Xuventude. A cita comezará ás 18:00 horas no Salón de Plenos do Pazo provincial, estará conducida pola xornalista cultural e actriz Adela Bértolo e a guinda musical correrá a cargo de Eva Pico, alumna da 1ª edición do programa de mentorías de Descúbreas.

Nesta convocatoria presentáronse un total de 75 candidaturas, un incremento do 18% con respecto a 2021. Salienta especialmente o caso das propostas na categoría de investigación, novidade deste ano, xa que se recibiron un total de 15 traballos e foi a segunda categoría con máis participación (só por detrás da de fotografía orixinal, con 23 traballos optando aos galardóns).

Os VI Premios Provinciais á Xuventude están dotados dun total de 32.000 euros repartidos en 10 categorías: iniciativa social, iniciativa empresarial, educación en valores, investigación, contido audiovisual, traballo musical –música clásica e outros xéneros–, traballo literario breve –narrativa e poesía–, banda deseñada, fotografía orixinal –serie fotográfica e fotografía– e deseño e moda. Poden participar mozas e mozos empadroados na provincia de entre 16 e 35 anos, agás no caso da categoría de educación en valores, na que se poden postular proxectos levados a cabo en aulas de educación secundaria e bacharelato (entre 12 e 18 anos).

A Deputación tamén premia o compromiso da mocidade co cambio climático

Como vén sendo habitual, na cita tamén se entregarán os premios do concurso ReAcción polo Clima, co que a Deputación premia a creatividade das mozas e mozos da provincia á hora de denunciar o cambio climático. A rapazada de 16 a 30 anos puido presentar vídeos reivindicativos empregando calquera formato característico de medios sociais como YouTube, Instagram ou TikTok. Os traballos gañadores reciben 4000 € repartidos nun primeiro, segundo e terceiro premio (2400 €, 1000 € e 600 €, respectivamente). O evento será retransmitido en directo nos perfís da Deputación de Pontevedra en YouTube e Twitter.

videos