Deputación e concello de Tomiño poñen en valor o parque e a ponte peonil da Amizade ante o secretario de Estado de Medio Ambiente

A presidenta Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Rio Minho Uxío Benítez, e a alcaldesa Sandra González reúnense mañá en Madrid con Hugo Morán para buscar apoio e financiamento para os proxectos

01/02/2022

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño acudirán a Madrid mañá mércores para poñer en valor os proxectos do parque e a ponte peonil da Amizade ante o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán. O obxectivo do encotro é presentar en persoa ambas iniciativas co fin de buscar apoio e financiamento tanto estatal como europeo para a execución das obras.

No encontro, que terá lugar no Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, estarán presentes a presidenta Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Rio Minho Uxío Benítez, e a alcaldesa de Tomiño Sandra González.

A redacción de ambos proxectos contaron con financiamento europeo, con cargo á primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2014-2020. O pasado 29 de maio foron presentados oficialmente nun acto formal na fronteira ao que asistiran autoridades dos gobernos centrais como a ministra de Coesão Ana Abrunhosa e a secretaria de estado de Valorización de Interior de Portugal Isabel Ferreira, e a subdelegada do Goberno Maika Larriba pola parte española;  autoridades autonómicas como o presidente da CCDR-N Antonio Cunha e o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, amosando todos eles o seu apoio á iniciativa.

Para o deputado Uxío Benítez o parque e a ponte da Amizade constituirán un elemento dinamizador de crucial importancia material e simbólica nun territorio como é o transfronteirizo do rio Miño, dobremente impactado pola actual pandemia COVID-19, dado o seu carácter dependente dos fluxos socioeconómicos entre ambos países, que se teñen visto gravemente alterados polas restricións á mobilidade transfronteiriza.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.