O AECT Rio Minho promove o ‘Minho Wine Experience’ mesturando viño e rutas en bicicleta

O proxecto inclúe dúas saídas de 80 quilómetros en bicicleta que rematan con degustacións en adegas  transfronteirizas este sábado 17 e o vindeiro día 24 de xuño

15/06/2023

Minho Wine Experience, rutas en bicicleta

O AECT Rio Minho vai celebrar este sábado e o vindeiro día 24 de xuño o ‘Minho Wine Experience - Vive o Rio Minho’, unha experiencia que mistura deporte, turismo e enoloxía no territorio miñoto transfronteirizo. O proxecto de enocicloturismo inclúe dúas saídas de 80 quilómetros en bicicleta por concellos galegos e portugueses da raia que rematan con experiencias de degustación en adegas  de viño locais.

Unhas 45 persoas ciclistas percorrerán en bicicleta por estrada cada sábado paisaxes naturais e históricas, pasando por varios concellos do Miño e de Galiza, atravesando as distintas pontes internacionais do Río Miño. Na primeira xornada a saída será dende o Museo da Ciencia e do Viño de Salvaterra, para despois seguir por Monçao, Valença, Tui, As Neves, Arbo, Melgaço, e volver ao Museo de Salvaterra. As paradas serán en Fillaboa e Soalheiro, tendo a ‘experiencia’ enolóxica (un menú degustación harmonizado con viños e a presenza de empresas produtoras portuguesas e galegas) en Salvaterra, da man de viños de Pazo do Pegullal e Soalheiro.

O día 24 de xuño a saída será no Club Ínsua de Moledo (Caminha) . Pasarase por Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, A Guarda e de novo por O Rosal ata volver a Caminha, con paradas en Terras Gauda e o AquaMuseu no Rio Minho. O almorzo ‘vínico’ será no Insua Clube.

A duración de cada unha das rutas será de cinco horas aproximadamente e o programa é de balde, sendo necesaria a inscrición. A intención é que participen no proxecto ciclistas profesionais, figuras públicas que practican ciclismo, xornalistas e persoas con influencia ligados ao ciclismo ou mundo dos viños e calquera persoa que practique ciclismo de estrada. É preciso dispoñer de bicicleta propia.

Os programas do proxecto “Minho Wine Experience - Vive o Rio Minho” teñen o obxectivo de promocionar a comarca e todas as súas potencialidades de turismo activo, sustentable e natureza, ademais de promover a gastronomía e enoloxía transfronteiriza, seguindo o exemplo doutras propostas semellantes en territorios vinícolas de moitos países. Dentro da Península Ibérica destacan as de La Rioja, Catalunya, Andalucía e La Mancha, ademais da Ribeira do Douro en Portugal.

A iniciativa do percorriño e experiencia enociclista polo Río Miño está promovida pola AECT - Rio Minho, no ámbito do proxecto Vive Rio Minho, cofinanciado polo Programa Interreg V-A España Portugal.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.