A Deputación convoca os VI Premios Provinciais á Xuventude e o III Concurso Reacción polo Clima para promover o talento da mocidade

Este martes a institución abre o prazo para a presentación de traballos en ambos certames

14/03/2022

Premios xuventude

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a nova convocatoria dos Premios Provinciais á Xuventude e o Concurso Reacción polo Clima, que buscan estimular e promover o talento da mocidade da provincia no ámbito sociocultural e amosar as súas reivindicacións no eido da loita contra o cambio climático respectivamente. Deste xeito, a partir de mañá martes 15  de marzo e ata o 15 de maio estará aberto o prazo de presentación dos traballos a ambos certames, que en conxunto repartirán 36.000 euros en premios.

No caso dos Premios Provinciais á Xuventude, será a sexta edición duns galardóns que buscan estimular e recoñecer o talento, a traxectoria, o esforzo e compromiso da mocidade nas dez categorías do certame: Iniciativa social, iniciativa empresarial, educación en valores, investigación, contido audiovisual, traballos musicais (coas subcategorías de música clásica e outros xéneros), traballo literario breve (con narrativa e poesía), banda deseñada, fotografía orixinal (con serie fotográfica e fotografía) e deseño e moda. En cada unha delas haberá tres premios, cun orzamento total de 32.000 euros.

A novidade este ano será a incorporación da modalidade de investigación, á que poderán optar proxectos no ámbito das ciencias e humanidades (ciencias, artes, letras ou xurídicos) realizados en centros de investigación e/ou universidades galegas. Admitiranse traballos rematados, presentados e publicados (incluíndo os de fin de grao), ou proxectos en fase de investigación avanzada. Valoraranse aspectos como a innovación, a relevancia científico-tecnolóxica e a súa contribución no avance do coñecemento no seu campo, a orixinalidade da proposta e os seus aspectos innovadores, así como a vinculación do obxecto da mesma cos sectores estratéxicos produtivos ou os aspectos de carácter social, humano ou patrimonial de relevancia para a provincia. De forma complementaria terase en conta a identificación realista dos obxectivos, a claridade e coherencia das formulacións, a metodoloxía de traballo deseñada, o coñecemento das fontes de datos e a verificación da súa fiabilidade, así como a previsión da difusión dos resultados.

Estes premios están dirixidos a persoas de 16 a 35 anos, aínda que na categoría de Educación en Valores permitirase a concorrencia de proxectos de centros educativos nos que teñan participado alumnado de entre 12 a 18 anos. Nesta categoría, ademais, os premios destinaranse integramente á adquisición de material, saídas educativas, proxectos escolares ou calquera outra actividade que teña relación directa co centro. Ata o 15 de maio as persoas interesadas poderán preinscribirse nestes premios e, posteriormente, abrirase outro prazo para a presentación dos traballos. A gala de entrega dos galardóns celebrarase a finais de setembro.

Por outra banda o concurso Reacción polo Clima, que chega á terceira edición, ten como finalidade promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais, ademais de potenciar o talento da mocidade e amosar as súas reivindicacións. Os galardóns están dotados de 4.000 euros, que se distribúen nun primeiro premio de 2.400 €, un segundo de 1.000 € e un terceiro de 600 €.

Os traballos a presentar deberán realizarse en formato audiovisual, admitirase calquera tipoloxía empregada pola mocidade nas redes sociais ou medios de difusión similares (como Instagram, TikTok, YouTube...) e a súa duración máxima é de 2 minutos e medio.

Este certame está dirixido a persoas físicas e xurídicas. No primeiro caso deben ter entre 16 e 30 anos e estar empadroadas en calquera dos concellos da provincia. No que atinxe ás persoas xurídicas, deben ser entidades que teñan a súa sede fiscal na provincia e que ao menos o 50% das persoas administradoras ou membros da xunta directiva sexan persoas físicas con idades comprendidas entre as citadas idades.

As persoas interesadas poderán tamén contactar en caso de dúbidas co Servizo de Cohesión Social e Xuventude cohesionsocialexuventude@depo.gal.