A Deputación recibe as campioas do Celta Zorka tralo seu histórico ascenso á elite do baloncesto estatal

Carmela Silva: “Todos os vosos nomes, os de todas e cada unha e o do club, pasarán á historia da cidade de Vigo, da provincia e de Galicia escritos con letras de ouro”

03/05/2023

RECEPCIÓN CELTA ZORKA

O deporte da provincia de Pontevedra volve estar de parabéns. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu hoxe na sede provincial en Vigo o equipo feminino de baloncesto Celta Zorka Recalvi, que vén de facer historia ao ascender á liga Feminina 1 (LF Endesa) tras derrotar o valenciano Cordà de Paterna Nou Bàsquet no último encontro da Final Four que se xogou o pasado domingo no polideportivo de Navia. Xunto coa presidenta da Deputación estiveron presentes no encontro as xogadoras do equipo, o seu presidente, Carlos Álvarez, a adestradora, Cristina Cantero, e o deputado de Deportes, Gorka Gómez, amais de parte da directiva e resto do equipo técnico. A presidenta agasallou o club coas camelias brancas (símbolo das sufraxistas e, ademais, flor das Rías Baixas) elaboradas pola Premio Nacional de Artesanía Ana Tenorio, e o club entregou a Carmela Silva unha camiseta do equipo, co seu nome no dorso e o número 14, nun guiño inequívoco ao número que durante anos levou o seu fillo Iago Falque nos clubs nos que xogou.

A presidenta felicitou o equipo directivo e técnico “e sobre todo ás xogadoras” pola “fazaña” que se viviu “nun día moi especial cheo de maxia e dunha emoción única” en Navia. Con este fito, asegurou a presidenta, “todos os vosos nomes, os de todas e cada unha e o do club, pasarán á historia da cidade de Vigo, da provincia de Pontevedra e de Galicia escritos con letras de ouro”. A presidenta tamén amosou a súa comprensión coa nova situación pola que pasa o club a partir deste momento, xa que “estar no máximo nivel significa que as administracións temos que apostar moito para que poidades cumprir o voso soño e mantervos. Contade connosco”, concluíu. Carmela Silva tamén reivindicou a importancia do deporte feminino no panorama deportivo actual, “é o que nos está dando as enormes alegrías; os éxitos escríbense con nome de muller”, e aproveitou para denunciar que “hai moitas cousas que teñen que cambiar para que ocupedes o lugar que vos corresponde, a cúspide”, xa que fronte a iso “moitas veces non tedes nin recoñecemento, nin ocupades as portadas, e nin sequera o apoio que merecedes” malia que “no deporte #HaiMulleres grandísimas”.

O presidente do club, Carlos Álvarez, agradeceu a Deputación de Pontevedra “polo recibimento de hoxe e polo apoio que nos demostra acompañándonos en todos os partidos de toda a temporada”, e tamén as xogadoras “polo esforzo e a gran temporada que nos deron”, á vez que asegurou que “teremos que facer moitos esforzos agora, tal como está a liga feminina neste momento”.

Pola súa banda Cristina Cantero, adestradora do equipo, remarcou que “sentir o apoio das institucións da cidade foi moi importante, ao igual que facelo en Vigo cos nosos e as nosas”, xa que “iso deunos o punto extra de enerxía que precisabamos para que entrasen todos os tiros á canastra”. Lembrou que “foi unha temporada marabillosa cun xogo incrible” e con este fito “fixemos historia e iso non nolo vai poder quitar ninguén”.

O Celta Zorka Recalvi ten un importante reto por diante no que precisa o apoio e a calor do público, e coa recepción desta mañá a Deputación de Pontevedra trasladoulle todas as forzas da veciñanza da provincia para poder continuar nesta aventura. O Zorka é un dos equipos históricos do baloncesto feminino español (fundado en 1996), e tralo ascenso convértese nunha das tres representacións galegas que terá a elite desta disciplina a nivel estatal, onde tamén xogarán o Durán Maquinaria Ensino de Lugo e o BAXI Ferrol.

Galerias de imaxes

videos