Deputación e Concello de Vigo traen a Vigo á Selección Feminina de Baloncesto que debuta hoxe nos partidos preparatorios do Eurobasket

Ambas as dúas institucións son as que fan posible que a cidade acolla a concentración da Selección para preparar o Eurobasket fronte á ausencia, unha vez máis, da colaboración da Xunta de Galicia

25/05/2023

Seleccion feminina de baloncesto en Vigo

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo son as dúas institucións que, de novo, foron da man para lograr que a cidade viguesa estea a ser esta semana a sede da concentración da Selección Española de Baloncesto Feminino cara á cita europea do Eurobasket, que as xogadoras de Miguel Méndez disputarán a partir do próximo 15 de xuño en Eslovenia e Israel.

Ambas as dúas institucións patrocinan este importantísimo evento deportivo que pon de novo a Vigo no foco mediático e no escaparate internacional do deporte, en coordinación coas Federacións Española e Galega, sendo os dous patrocinadores deste acontecemento que, lamentablemente, unha vez máis non contou coa colaboración da Xunta de Galicia.

Amais da estancia do equipo, a cidade viguesa poderá desfrutar desde este xoves do Torneo Amistoso Internacional, preparatorio da cita continental, no que as xogadoras de España debutarán esta tarde, ás 19.00 h no Pavillón das Travesas, contra a potente Selección italiana. Mañá venres a Selección xogará fronte a China, actual subcampioa do mundo que, onte se impuxo ante Italia no partido que abriu en Vigo o Torneo.

Tanto o Concello como a Deputación de Pontevedra apostaron sen dúbidas para que Vigo gañara o pulso para levarse a concentración da Selección Española de Baloncesto, enmarcada no apoio ao deporte feminino e aos grandes eventos deportivos. Amais, o equipo nacional está dirixido polo adestrador vigués Miguel Méndez, que dispón dun palmarés envexable e pleno de vitorias: 6 triunfos nos 6 partidos da fase de clasificación para o inminente Eurobasket de Eslovenia e Israel.

Galerias de imaxes