A igrexa de Santa Clara acolle mañá a primeira charla sobre os achados e a vida no convento baixo o título ‘Ósos, cacharros, clausura e chocolate’

Será ás 19.30 horas a cargo dos responsables dos estudos arqueolóxicos Rafael Rodríguez e Israel Picón

21/11/2022

A igrexa de Santa Clara acollerá mañá martes a primeira das charlas sobre os achados arqueolóxicos que amosan como foi a vida no convento durante os máis de 700 anos que o conxunto permaneceu pechado ao público. Titularase ‘Ósos, cacharros, clausura e chocolate. Primeiros resultados da escavación en Santa Clara’ e correrá a cargo do director do proxecto, o arqueólogo provincial Rafael M. Rodríguez Martínez, e o codirector da intervención, o tamén arqueólogo -da empresa Citania- Israel Picón Platas.

Esta conferencia forma parte das actividades programadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra co fin de conmemorar o aniversario da compra do convento, o pasado 1 de decembro de 2021. Ademais desta charla de apertura do ciclo de relatorios, esta semana tamén terá lugar a segunda, o mércores 23 de novembro, baixo o título ‘Cando as paredes falan, a cargo do doutor Victoriano Nodar. Este falará sobre a lectura de alzados e paramentos interiores e exteriores dos edificios, é dicir, das diferentes construcións e muros e o momento no que foron edificadas, para poñer sobre a mesa cal foi a evolución do conxunto.

A semana próxima seguirá o ciclo. Concretamente o 29 de novembro será a quenda de ‘Compoñendo puzzles’, unha charla exposta pola responsable dos traballos de conservación e restauración dos materiais mobles localizados durante os traballos arqueolóxicos, Aldara Rico, que fará un percorrido, entre outras cousas, polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas diferentes catas.

O xoves 1 de decembro será a quenda para falar dende o punto de vista antropolóxico das monxas. Baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’, a doutora Olalla López e Clara Veiga falarán sobre as inhumacións realizadas e as características dos restos óseos atopados en diferentes puntos do convento, que achegan información sobre o estilo de vida e a alimentación na congregación.

O luns 5 de decembro de 2022, e como unha chiscadela ás investigacións sobre  documentos segredos, baixo o título ‘Os papeis de Santa Clara’ (“Santa Clara papers”), o doutor Suso Vila falará sobre a investigación historicoartística e o baleirado documental sobre o convento no que se baseou o estudo histórico artístico. Entre outras anécdotas neste estudo nárrase a rebelión das monxas de Santa Clara fronte aos Franciscanos da cidade pola súa ‘tiranía’.

O martes 13 de decembro a ‘Conferencia de (case) clausura’ dará lugar ao doutor Xurxo Ayán para falar sobre a clausura na orde das irmás pobres de Santa Clara, mentres que o día seguinte, o mércores 14 será a quenda das ‘Plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara’, a cargo das doutoras María Martín e Carmen Salinero.

Todas as charlas serán ás 19.30 horas e con entrada libre ata completar cabida.