
#XUVENTUDE
Depo Aventura
A Lanzada
A Deputación recupera os campamentos “Depo Aventura A Lanzada” 2022
Ofértanse para este verán un total de 1.540 prazas destinadas a nenas e nenos da provincia de Pontevedra nados entre 2009 e 2014
Tras dous anos de parón provocados pola pandemia, a Deputación de Pontevedra recupera os campamentos “Depo Aventura A Lanzada” cun total de 1.540 prazas destinadas a nenas e nenos da provincia nados entre 2009 e 2014. O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO). A institución destinará 210 prazas a menores en risco de exclusión social e 25 a alumnado do Centro Príncipe Felipe.
A Deputación retoma este mes de febreiro os campamentos de Depo Aventura no Centro de Vacacións da Lanzada despois de dous anos sen actividade debido ás restricións sanitarias por mor da COVID-19. A institución ofertará un total de 1.540 prazas, das que 210 estarán destinadas a menores en risco de exclusión social e 25 a alumnado do Centro Príncipe Felipe. O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación das bases da convocatoria no BOPPO e manterase activo durante 15 días hábiles.
O programa desenvolverase entre o 26 de xuño e o 10 de setembro en 11 quendas de sete días de duración cada unha. A entrada será o domingo pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, e a saída o seguinte sábado, de 10:00 a 12:00 da mañá.
Cada grupo visitará a Illa de Ons e realizará unha segunda excursión relacionada coa natureza e co coidado do medio. Tamén está previsto realizar o tradicional obradoiro para elixir a mascota oficial do programa.
Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación ofertará un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, o deporte, o respecto e coñecemento da natureza e a dinamización e o coñecemento multicultural da contorna. Este ano tamén están previstas actividades co fin de fomentar as vocacións científicas entre as nenas e nenos que participen nos campamentos.
Debido á situación sanitaria, o campamento e as actividades adaptaranse ás capacidades que garantan o mantemento da distancia de seguridade recomendada, polo que o número de prazas se fixa nun máximo de 1.540 para o verán de 2022.
Ligazóns de interese
- Documentación e tramitación en sede.depo.gal
- Resolución presidencial aprobando a lista provisional de menores admitidos e excluídos (BOPPO 29/04/2022)
- Lista provisional de menores admitidos e excluídos
- Resolución presidencial aprobando a lista definitiva de menores admitidos e excluídos para o sorteo do día 19 de maio de 2022
- Lista definitiva de menores admitidos e excluídos para o sorteo do día 19 de maio de 2022 (BOPPO 18/05/2022)
- Criterios do sorteo (pdf)
- Lista de persoas admitidas e en lista de agarda