Despregue de medios do Consorcio Provincial para a extinción do incendio da nave do Porriño

Carlos Font destacou a coordinación co resto de efectivos desprazados ao polígono da Granxa que xa permitiu a estabilización do lume

20/04/2022

Incendio no Porriño  

O Consorcio Provincial Anti Incendios e de Salvamento adscrito á Deputación de Pontevedra está a colaborar activamente dende esta mañá na extinción do incendio declarado na nave da empresa Distribucións Pako no polígono da Granxa (O Porriño). O deputado provincial, Carlos Font, trasladouse ao lugar do suceso para seguir de primeira man os traballos e alí mantivo en todo momento contacto co responsable da empresa afectada, que almacenaba maquinaria industrial, así como co alcalde da localidade, Alejandro Lorenzo, ao que informou dos medios mobilizados.

"En canto recibimos o aviso, mobilizáronse todos os efectivos dispoñibles e ofrecemos a nosa colaboración. A coordinación co resto de efectivos funcionou perfectamente ", manifestou o deputado, quen se solidarizou coa empresa afectada e sinalou que aproximadamente ás tres da tarde o incendio deuse por estabilizado, a falta de terminar nunhas horas as tarefas de refrixeración.

En concreto, ao lugar do sinistro desprazouse un operativo formado por tres vehículos do parque anti incendios do Porriño (bomba urbana pesada, unha nodriza e camión con brazo articulado), dous do Morrazo (bomba urbana pesada e camión nodriza), así como a nodriza de Ribadumia, cun total de once efectivos (sete bombeiros, os tres xefes dos parques citados e o xerente do Consorcio), para axudar nas tarefas de extinción. Precisamente, o brazo articulo enviado desde O Porriño e adquirido recentemente polo Consorcio, facilitou o desenvolvemento destas labores.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.