Alfaneiro do Xapón (cast. algustrón)

Ligustrum japonicum Thunb.

Alfaneiro do Xapon

Familia: Oleaceae

Árbore perenne

Orixe: Xapón e Corea.

Porte e altura: pode acadar os 10 m de altura; a súa copa é densa e redondeada, e o tronco, recto.

Follas: simples, opostas, de cor verde escura brillante pola face e amarelenta polo envés, con forma entre ovada e elíptica, de marxe lisa, ápice apuntado e base aguda ou obtusa.

Flores: pequenas e numerosas, sésiles ou con pedicelos curtos, de cor branca amarelenta, dispostas en panículas terminais.

Froito: baga ou drupa pequena, de 6 a 7 mm, entre redondeada e elíptica, de cor negra azulada. A frutificación ten lugar a finais do verán e despois os froitos permanecen moito tempo na árbore.

Outros datos: é unha especie lonxeva. A súa cortiza é lisa e agrisada na xuventude e máis escura e gretada cos anos. Na variedade ‘Rotundifolium’ as follas son redondeadas e redúcese o espazo entre elas.

Utilidades e curiosidades: emprégase como árbore ornamental illada ou en aliñacións; tamén pode verse con moita frecuencia formando sebes. Destaca tanto pola súa vistosa floración coma pola beleza das súas follas brillantes e perennes. As súas ramas finas son duras e flexibles e servían para atar. A súa madeira dura e elástica emprégase en tornería. As súas follas teñen propiedades adstrinxentes e os froitos son tóxicos.

Necesidades e cultivo: especie de rápido crecemento, non moi exixente co tipo de solo, pero desenvólvese mellor en terreos frescos e ben drenados. Resiste a seca, as xeadas non moi severas e continuadas, e a salinidade; tolera ben a poda. Prefire exposicións soleadas, aínda que tolera a sombra.