A Deputación destina 120.000 euros para os premios dos equipos participantes no regreso da Copa de fútbol Deputación nas categorías feminina e masculina

Participaron 135 equipos de 47 concellos da provincia, que recibirán premios que oscilan entre os 150 e os 6.500 euros

09/08/2024

Conferencia de prensa de Luis López 09-08-2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a distribución de 120.000 euros en premios para os equipos participantes na Copa de fútbol Deputación de Pontevedra 2024, tanto na categoría feminina como na masculina. Como explicou o presidente provincial, Luis López, "a Copa Deputación deste ano foi, sen dúbida, unha competición moi interesante e emocionante. Regresamos este ano cun torneo, que cada ano goza de enorme popularidade, e que reuniu a centos de deportistas de todos os puntos da provincia".

Na Copa Deputación participaron un total de 135 equipos de 47 concellos da provincia. Os gañadores foron o Villalonga de Sanxenxo, en categoría masculina, e o Lóstrego B de Gondomar, en feminino, que se impuxeron nas súas respectivas finais ao Areas, de Ponteareas, e o Viaxes Interrías, de Sanxenxo. Tanto os equipos gañadores como os participantes recibiron premios que oscilaron entre os 150 € por eliminatoria dos que só xogaron a fase previa ata os preto de 6.500 €.

"Tiñamos claro que esta era unha competición que merecía a pena seguir celebrando e apoiando. Máxime, se somos a Deputación do deporte, como xa vimos tempo demostrando", asegurou Luis López.

videos

audios