A Deputación leva este martes o ciclo +Escénicas a Tui cunha obra de teatro para público familiar sobre o amor pola literatura e lingua galega
O espectáculo “A Libraría Máxica” representarase a cargo da compañía Inventi Teatro no Teatro municipal ás 11:00 horas
05/10/2025
A Deputación de Pontevedra leva este martes 7 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello de Tui da man dunha obra de teatro sobre o amor pola literatura e lingua galega a cargo da compañía Inventi Teatro. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“A Libraría Máxica" representarase no Teatro municipal a partir das 11:00 horas e está pensada para público familiar. Esta divertida peza teatral rende homenaxe ao pequeno comercio, as tendas de barrio, e achega a nenos e nenas o amor pola literatura e a lingua galega. Dous simpáticos libreiros interpretados por Bea Campos e Marcos Alonso ofreceranlle aos espectadores de Tui o libro perfecto, xa que teñen a gran capacidade de atopar o conto necesario para cada persoa e ocasión.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.