Luis López anuncia que 12 colectivos recibirán preto de 90.000 € para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia
Asociacións de Bueu, Cangas do Morrazo, Cambados, A Illa de Arousa, Moaña, Sanxenxo, Poio e Vigo empregarán os recursos en proxectos de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións e na adquisición de equipamento
13/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres de da concesión das axudas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a recuperación e a posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia. Tralo visto bo na Xunta de Goberno, a Deputación achegará preto de 90.000 € a 12 colectivos para que emprendan “actuacións de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións e a compra de equipamento” e así empregar estes bens patrimoniais en actividades de promoción sociocultural. En total recibíronse 21 solicitudes.
No Salnés, reciben recursos colectivos de Cambados (Asociación Cultural e Deportiva Vela Tradicional de Cambados, 11.900 € para a rehabilitación da dorna Airexa), A Illa de Arousa (A.D. Cultural Dorna, 6.200 € para o galeón Rei do Mar; Asociación Cultural, Deportiva e Promotora de Actividades Xuvenís Fasquia, 6.400 € para a mellora na dorna tope Lavanqueira; Asociación Cultural Cornamusa Arousa, 9.500 € para a reparación da embarcación tipo racú Catuxa; e Asociación Cultural DS Illa de Arousa, 9.400 € para o mantemento do San Pedro) e Sanxenxo (Amigos da Dorna de Portonovo, 11.300 € para o arranxo e mellora da dorna nai Surfeira).
No Morrazo, recibirán as achegas colectivos de Bueu (Amigos das Embarcacións Tradicionais, 3.600 € para equipamento para a dorna Mareira I), Cangas do Morrazo (Mar da Pedra de Amigos das Gamelas, 3.800 € para a restauración da gamela coruxeira Rula) e Moaña (Asociación Recreativa e Cultural Sueste, 6.300 € para a rehabilitación do galeón Eliseo; e Sociedade Deportiva Samertolameu, 10.000 € para a rehabilitación do edificio do foso de adestramento de remo de banco fixo).
Tamén reciben recursos entidades de Poio (Club Mariño de Portonovo, 1.500 € para a reparación de Luisa III) e Vigo (Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas, 8.200 € para a adquisición dun motor para a embarcación buceta A Fanequeira).
O presidente Luis López asegurou que “con estas axudas queremos recuperar e poñer en valor os bens que integran o patrimonio marítimo-fluvial na provincia de Pontevedra” xa que “temos un patrimonio único no mundo, que nos identifica e fala de nós como pobo: é de recibo conservalo para devolverllo á xente nas mellores condicións”.
