A Deputación destina 71.000 € para que 2.800 rapaces de 68 centros educativos dunha trintena de concellos da provincia desfruten este ano de saídas a granxas escola a través de Vive o Rural

“Incrementamos o orzamento en 20.000 € para ampliar o número de beneficiarios e esta decisión foi do máis acertada xa que vai implicar que fronte aos 1.950 nenos e rapaces que viñan participando en cada edición de Vive o Rural pasemos aos 2.800, 900 máis”, remarcou o presidente

06/03/2026

A Deputación destina 71.000 € para que 2.800 rapaces de 68 centros educativos dunha trintena de concellos da provincia desfruten este ano de saídas a granxas escola a través de Vive o Rural

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 71.000 € para que 2.800 rapaces de 68 centros educativos e Asociacións de Nais e Pais de Alumnos pertencentes a unha trintena de concellos desfruten este ano de saídas a granxas escola a través do programa provincial Vive o Rural. O presidente Luis López subliñou que “incrementamos o orzamento en 20.000 € con respecto ao 2025 para ampliar o número de beneficiarios e esta decisión foi do máis acertada xa que vai implicar que, fronte aos 1.950 nenos e rapaces que viñan participando en cada edición de Vive o Rural, pasemos aos 2.800, 900 máis”.

Neste eido, tal e como explicou López, a través do programa concederase ata un máximo de 1.250 € por entidade para que os nenos e rapaces “coñezan de preto a realidade das actividades agrícolas e gandeira na provincia”. Con estes recursos, os centros educativos de infantil, primaria e secundaria ou as ANPAS dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poderán custear o desprazamento de ida e volta e a entrada ás granxas escolas de Serantellos (Cambados), Fervenzaventura (Silleda), Kiriko (Fornelos de Montes), Corazón de Carballo (Tomiño) e Río Mouro (Poio).

As 68 entidades beneficiarias de Vive o Rural neste 2026 pertencen aos concellos de Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, Meaño, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilanova de Arousa.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.