Case 2.500 persoas participarán no programa de termalismo social “Depotermal” da Deputación

A institución provincial busca con esta iniciativa propiciar actividades de envellecemento activo vinculadas á saúde dirixidas ás persoas maiores

11/08/2023

xunta de goberno adxudicacion depotermal

Case 2.500 persoas da provincia desfrutarán este ano de “Depotermal”, o programa de termalismo social da Deputación de Pontevedra. Como destacou en rolda de prensa o presidente provincial, Luis López, “facilita o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en balnearios, talasos ou spas da provincia”. A Xunta de Goberno da Deputación adxudicou o total de 2.447 prazas, das que preto de 700 (664) son para a modalidade de asistencia diúrna durante cinco días ou tardes consecutivas. O resto, case 1800 (1.783), inclúen pernoita e pensión completa con entrada o domingo e saída o venres.

“Depotermal” está destinado a persoas maiores de 50 anos, xubilados, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de discapacidade igual ou superior ao 65% e tamén ás que precisen dun respiro familiar. Luis López destacou que, con esta iniciativa, a Deputación busca “dinamizar a economía, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo nun sector clave como é o turístico durante os períodos de menor actividade, ao desestacionalizar a demanda”.

Nos establecementos de termalismo, os beneficiarios do programa poderán desfrutar de actividades de animación sociocultural e de tratamentos gratuítos como sesións monitorizadas de activación muscular e articular, tratamentos dixestivos con augas medicinais, piscina terapéutica, actividades para mellorar a mobilidade e a circulación, combater a dor e a inflamación e reducir o estrés entre outros moitos.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.