50 persoas de 9 concellos da provincia participan esta semana no programa da Deputación “Depotermal”

Os participantes desfrutarán dunha estancia de 6 días no Hotel SPA Galatea de Sanxenxo ao abeiro do programa provincial de termalismo social da Deputación que beneficiará a preto 3.500 veciños de 54 concellos da provincia

07/10/2023

Un total de 50 persoas maiores de 50 anos de 9 concellos da provincia desfrutarán esta semana do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías no Hotel SPA Galatea de Sanxenxo. Son veciños da Guarda, Marín, Mos, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas e Vigo, que gozarán da modalidade de pernoita, cunha estancia no establecemento hoteleiro de seis días e cinco noites, deste este domingo ata o 13 de outubro. Durante a súa estancia poderán facer uso das súas instalacións de termalismo, así como participar noutras actividades artísticas, deportivas, formativas, sociais ou turísticas.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

 “Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.