A Deputación aproba máis de 350.000 euros para que os concellos de Pazos de Borbén, O Rosal e Salvaterra de Miño melloren as súas dotacións deportivas
Estes recursos enmárcanse no III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e permitirán pechar a pista de pádel de Pazos de Borbén, reparar a pista de atletismo do campo de fútbol da Mata no Rosal, e renovar as instalacións do pavillón Cándido Carrera de Salvaterra de Miño
10/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres do visto bo a novos recursos do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para os concellos de Pazos de Borbén, O Rosal e Salvaterra de Miño, que recibirán máis de 350.000 euros para mellorar as súas dotacións deportivas. Ademais destes recursos para estes tres concellos, a Xunta de Goberno do organismo provincial tamén aprobou esta semana outros máis de 200.000 € para que Vilaboa e Vilagarcía de Arousa impulsen e melloren infraestruturas deportivas baixo o paraugas deste plan provincial.
“Estes son cinco exemplos máis de como o III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que nesta terceira edición está a repartir 8 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, nos está axudando a construír a provincia do deporte na que queremos que se converta Pontevedra”, asegurou o presidente da Deputación.
Deste xeito, coa axuda aprobada na Xunta de Goberno para Pazos de Borbén, que ascende a 94.000 €, pecharase a pista de pádel cun primeiro zocalo de formigón, un tramo de panel liso tipo sándwich e a parte superior en policarbonato para permitir a entrada de luz. Ademais completarase a actuación preparando o espazo exterior con mesas para merendar, axardinando a contorna e acondicionando o acceso mediante a mellora do firme.
Pola súa banda no Rosal, con 116.000 euros, repararase a pista de atletismo do campo da Mata, aproveitando ao máximo o espazo do que se dispón e realizando unha reconfiguración da mesma. Ademais, realizarase a formación de dous fosos para salto de lonxitude e triplo salto e prepararase unha zona de lanzamento de peso. O proxecto tamén contempla a substitución do material de cubrición da cuberta das gradas e dos paneis verticais de protección das mesmas.
Finalmente cos 141.000 € dirixidos a Salvaterra de Miño, o goberno local poderá renovar as instalacións do pavillón Cándido Carrera. Ao detalle, renovarase o pavimento completo da pista de xogo, solucionaranse os problemas de humidade, renovaranse as canalizacións exteriores da cuberta, dotarase ao edificio dunha cortina divisoria para compaxinar actividades diferentes na pista e mellorarase a ventilación interior do edificio.
