A Deputación aprobará este venres unha axuda de máis de 110.000 € para a construción dunha pista de pádel cuberta en Vilaboa

A deputada provincial María Ramallo visitou a contorna do pavillón municipal, onde se investirán recursos que ten dispoñibles o concello no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

08/04/2026

A Deputación aprobará este venres unha axuda de máis de 110.000 € para a construción dunha pista de pádel cuberta en Vilaboa

A deputada provincial María Ramallo anunciou este mércores no pavillón municipal de Vilaboa que a Deputación de Pontevedra aprobará este venres na Xunta de Goberno unha achega de máis de 110.000 euros ao concello para a construción dunha pista de pádel cuberta, unha obra que ten un orzamento total de 214.000 €. Trátase da totalidade de recursos que Vilaboa ten á súa disposición no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

María Ramallo explicou que, con estes recursos da Deputación, Vilaboa poderá impulsar a construción dunha pista de pádel panorámica con cuberta nunha zona que funciona hoxe en día como aparcamento ocasional. En concreto, o proxecto contempla a preparación completa do terreo, a execución dunha soleira de formigón e a instalación dunha pista de pádel de 20 por 10 metros con peche de vidro temperado, estrutura metálica, iluminación e pavimento de céspede artificial. No relativo á cuberta, que busca que a pista sexa accesible todo o ano, será metálica de aceiro laminado, con perfís estruturais dimensionados para garantir estabilidade e durabilidade. A actuación completarase co acondicionamento da contorna, pintando novas prazas de aparcamento e delimitando o espazo. Por último, procederase a instalar un sistema automatizado de reservas, control de accesos e iluminación.

“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou María Ramallo, que lembrou que “cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas. Imos xa pola súa terceira edición, que conta con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados ás dúas anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros en tres anos”.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.