A Deputación destina máis de 40.000 euros ao novo campo de fútbol de Mirallos, no concello de Moraña

Estes recursos enmárcanse no Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, que xa mobilizou preto 1,2 millóns de euros entre 21 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

07/04/2024

A Deputación de Pontevedra aproba unha nova axuda para o Concello de Moraña ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas por importe de máis de 40.000 euros. No marco deste plan, aberto aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, o Goberno provincial mobilizou preto de 1,2 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de Moraña, para A Cañiza, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Lalín, Marín, Meis, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas e Vilagarcía de Arousa.

O Concello de Moraña destinará estes recursos de 40.719 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas á segunda fase das obras do novo campo de fútbol de céspede natural de Mirallos, que se está a desenvolver nun espazo no que xa existe unha instalación previa en mal estado. Tras executar o movemento de terras e a drenaxe, nesta segunda fase avanzarase nos traballos co fin de que xa se poda xogar no campo na próxima tempada 2024/2025.

Desta maneira, prepararase o terreo do campo con diferentes capas de grava e area e fertilizarase e sementarase o céspede. Ademais, o campo contará cunha instalación de rega con aspersores emerxentes e instalarase iluminación mediante catro torres. Por último, completarase o peche da parcela con paneis prefabricados de formigón entre piares, onde se instalará ademais un novo portón de acceso ao público.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.