A Deputación investirá máis de 400.000 euros na mellora da estrada provincial entre Piñeiro e Arcos, en Cuntis

O proxecto de actuación na EP-8404 está moi avanzado e consiste na mellora do firme e da seguridade viaria da estrada provincial

08/04/2024

400.000 euros na mellora da estrada provincial entre Piñeiro e Arcos

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, acaba de visitar en Cuntis a estrada provincial EP-8404 entre Piñeiro e Arcos, na que a Deputación de Pontevedra investirá máis de 400.000 euros para a súa mellora. A visita tiña por obxectivo “analizar de primeira man a situación da estrada para que quede todo ben recollido no proxecto” que, tal e como avanzou a deputada, “está moi avanzado” e permitirá “mellorar o firme e a seguridade viaria de todo o conxunto da estrada provincial”.

A EP-8404 entre Piñeiro e Arcos ten unha lonxitude de 3.416 metros. Nestes momentos non ten a capacidade portante adecuada e mediante a actuación prevista preténdese realizar un asfaltado que cubra o estado deficiente da vía. Deste xeito realizarase unha reparación de todo o treito da estrada, mediante a execución de saneamentos e o fresado da capa de rodaxe e, posteriormente, levarase a cabo un recheo do firme existente mediante formigón en quente.

A actuación completarase cun paquete de medidas destinadas á mellora da seguridade viaria da estrada provincial. Deste xeito, ademais de mellorar o firme, repoñerase a sinalización horizontal e vertical co fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.