A Deputación acolle a primeira reunión do Pleno do Consello de Contas de Galicia en realizarse fóra da sede desta institución en Santiago na súa historia

O vicepresidente Rafa Domínguez sinalou o “orgullo” de que a reunión se celebre nas instalacións provinciais e destacou a “transparencia” e o “rigor” do goberno provincial

20/02/2025

A vicepresidenta provincial Luisa Sánchez e o conselleiro de Cultura López Campos

A Deputación de Pontevedra acolleu este xoves a primeira reunión do Pleno do Consello de Contas de Galicia que se realiza fóra da sede desta institución, situada en Santiago de Compostela, en toda a historia. Antes da reunión os conselleiros, encabezados polo conselleiro maior Juan Carlos Aladro, foron recibidos polo vicepresidente provincial Rafa Domínguez, e posteriormente levouse a cabo o encontro no que se presentou o “Informe de fiscalización das Entidades Locais Menores en Galicia”. A provincia de Pontevedra, de feito, conta con oito das nove existentes en toda a comunidade: Arcos da Condesa, Bembrive, Camposancos, Chenlo, Morgadáns, Pazos de Reis, Queimadelos e Vilasobroso.

O vicepresidente Rafa Domínguez, asegurou que a Deputación está “profundamente orgullosa de que o Consello escollera o Pazo provincial para saír por primeira vez da súa sede. Cremos que é unha grandísima noticia porque se dá a coñecer a importancia do Consello de Contas, que analiza os investimentos que realizan as institucións públicas co diñeiro de todos os cidadáns”. O vicepresidente provincial tamén puxo o foco en que o Goberno provincial “aposta sempre pola máxima transparencia, traballa co máximo rigor e temos as nosas portas abertas”.

Trala reunión no Salón de Plenos, o Edificio Administrativo da Deputación acolleu a proxección dun vídeo divulgativo do informe e unha xornada de formación destinada aos representantes das Entidades Locais Menores da comunidade. Esta xornada estivo coordinada polo conselleiro da Área de Corporacións Locais, Simón Rego Vilar e nela interviron Virginia Losa, vicesecretaria xeral da Deputación de Palencia e Pilar Moreno, habilitada nacional, Premio Excelencia Novagob 2024 e experta en goberno aberto e integridade pública, e rematou cun coloquio cos representantes das Entidades Locais Menores en Galicia e o equipo do Consello de Contas de Galicia.

Galerias de imagenes