Luis López remarca “o firme compromiso do goberno provincial coa transparencia e a xestión responsable dos recursos” na presentación do Congreso polo 40 aniversario do Consello de Contas

López enxalza a importancia de “tender pontes” entre administracións e subliña a posta en marcha de actividades como as organizadas na Deputación xunto co Consello de Contas ou “a recuperación do exercicio de transparencia ao presentar nos últimos dous anos as nosas contas no Parlamento”

21/07/2025

40 aniversario do Consello de Contas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou o “firme compromiso do goberno provincial coa transparencia, rigor, seriedade e a xestión responsable dos recursos” no acto de presentación do Congreso polo 40 aniversario do Consello de Contas, no que estivo acompañado polo conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, e  polo conselleiro de Corporacións Locais da entidade, Simón Rego. Co nome de “Congreso 1985-2025. 40 anos de Bases de Réxime Local e do control externo local en Galicia”, a xuntanza concentrará a conferenciantes de primeiro nivel, desde membros de universidades, a persoas vinculadas coa OCDE ou a Comisión Europea.

Na presentación, López enxalzou a importancia de “tender pontes” entre administracións. Ao respecto, subliñou a  posta en marcha de actividades no Pazo provincial da Deputación xunto co Concello de Contas e tamén con entidades como o Parlamento de Galicia, “recuperando o exercicio de transparencia ao presentar nos últimos dous anos as nosas contas alí”. Neste eido, incidiu na importancia de “buscar solucións da man do consenso e da cooperación entre todas as administracións”, felicitando ao conselleiro Juan Carlos Aladro “pola súa sensibilidade á hora de organizar este congreso” e reafirmando o compromiso da Deputación co Consello de Contas.

“Congreso 1985-2025. 40 anos de Bases de Réxime Local e do control externo local en Galicia” terá lugar de xeito totalmente gratuíto no PALEXCO da Coruña os días 15 e 16 de setembro. Na xuntanza dialogarase sobre a xestión dos recursos públicos e sobre cuestións como a distribución de competencias, o financiamento da administración local, a xestión colaborativa e o papel dos gobernos intermedios, a transformación da xestión pública local ou os retos do control interno e externo na xestión dos recursos.

Galerias de imagenes

audios