A Deputación adía a poxa da gandería da Finca Mouriscade como medida de prevención ante a dermatose nodular contaxiosa

A poxa terá lugar o 3 de decembro e ofertaranse 23 exemplares de vaca frisoa cun prezo de saída de 1.750 euros

18/11/2025

A Deputación de Pontevedra tomou a decisión de adiar a poxa de animais da gandería da Finca Mouriscade como medida de prevención e de poder ofrecer as máximas garantías sanitarias ante a proliferación da dermatose nodular contaxiosa en distintos países da Unión Europea. Do mesmo xeito, a institución provincial tamén aproveita para lanzar unha mensaxe de tranquilidade ao sector gandeiro, lembrando que a poxa conta coa autorización da Consellería de Medio Rural para celebrarse, e que todos os animais de Mouriscade compren con todas as garantías xenéticas e sanitarias.

Tralo adiamento, está previsto que a poxa se celebre o 3 de decembro. O que si se mantén sen cambios é o número de exemplares, que serán 23 vacas de raza frisoa cun prezo de saída de 1.750 euros.  Durante a poxa, as ofertas económicas non poderán ser, en ningún caso, inferiores ao importe sinalado como prezo de saída no catálogo. A partir dese importe, o incremento deberá facerse de viva voz, alzando o cartel co número de identificación da persoa licitadora e en tramos de 50 euros. O proceso rematará no momento en que deixen de presentarse novas ofertas, quedando como persoa licitadora aquela que tivese realizado a poxa máis elevada (no caso de empate, acudirase ao sorteo).

A segunda mellor granxa de España en calidade xenética dos seus animais

A granxa da Finca Mouriscade é a segunda mellor explotación gandeira de toda España. En catro anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 2 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais, e no terceiro por mérito económico. Esta clasificación apuntala o centro como unha referencia no sector agrogandeiro a nivel nacional. Ademais, confirma que as tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética da gandería e, como consecuencia, á mellora da eficiencia produtiva das ganderías da provincia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.