A Deputación apoia a proba ciclista O Gran Camiño, que chegará á provincia de Pontevedra o 25 de febreiro

“Viviremos un espectáculo 100 % Rías Baixas”, asegurou o presidente, Luis López, quen detallou que o Goberno provincial destinará máis de 130.000 euros a esta proba na súa aposta por “atraer a organización de grandes eventos deportivos ao noso territorio”

30/01/2024

Rolda de prensa de Luis López

O Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar o patrocinio deportivo de O Gran Camiño, ao que destinará ata 133.000 euros. Esta proba ciclista chegará á provincia o vindeiro 25 de febreiro, co desenvolvemento da cuarta e última das etapas que percorrerán as catro provinciais galegas e que está incluída no calendario da Unión Ciclista Internacional.

O Gran Camiño é un dos eventos internacionais máis relevantes da provincia, que acollerá entre o 22 e o 25 de febreiro máis de 120 ciclistas de diferentes países e dos grandes equipos do circuíto internacional: Visma, Ineos, Movistar, Cofidis, EF Education, Groupama e Arkea estarán presentes nunha proba na que se poderá gozar da presencia de ciclistas internacionais, coma Jonas Vingegaard, actual campión da edición de 2023 e do Tour de Francia.

A través deste patrocinio, a Deputación levará a cabo accións de promoción e publicidade en diferentes medios: na web do evento, nas súas redes sociais, nas presentacións a medios, nas roldas e notas de prensa, na retransmisión da carreira, en diferentes soportes publicitarios físicos e no vídeo oficial. “Para nós é fundamental apostar por captar, impulsar e colaborar coa organización de grandes eventos deportivos no noso territorio, que son unha panca para a proxección do turismo deportivo e da nosa marca como provincia”, explicou o presidente da Deputación, Luis López, ao tempo que asegurou que grazas a O Gran Camiño, “viviremos un espectáculo 100 % Rías Baixas”.

videos

audios