A Deputación dá luz verde aos patrocinios de Rías Baixas Acción, con 126.000 € para 13 proxectos audiovisuais
Luis López remarca que se trata dun 40% máis de recursos que os aprobados na pasada edición deste programa, cando se achegaron 90.000 € a oito filmes
07/11/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde aos contratos de patrocinio do programa Rías Baixas Acción, que destinará 126.000 € a trece proxectos audiovisuais. Luis López subliñou que estes recursos supoñen un 40% máis que os aprobados na pasada edición do programa, cando se achegaron 90.000 euros a oito filmes.
“Para nós –subliñou o presidente Luis López- o audiovisual é un sector clave, motor do turismo, da cultura e da nosa economía e por iso estamos traballando con forzas para manter unha firme alianza co audiovisual, con programas como este, que este ano distribuíron un 40% máis de recursos, para avanzar na consolidación do talento desta provincia e proxectar a imaxe de Pontevedra polo mundo enteiro”.
Ao detalle, este ano benefícianse desta liña de axudas provinciais as curtametraxes “Avisa cando chegues” e “Señora azul” e as longametraxes “A morte nos teus ollos”, “Me has robado el corazón”, “O pesadelo das vacas” e “Os salmos”, con recursos que abranguen entre os 3.500 e os 25.000 euros. Tamén os documentais, incorporados por vez primeira en Rías Baixas Acción, “Antes de antes”, “Tinta femia”, “Que é unha montaña?”, “A Pontevedra de Antonio Palacios”, “Mary Quinteiro, máis de 90 anos de creatividade”, “Baleas, naufraxios e outras historias do fin do mundo” e “Correntes do Atlántico”, con axudas que oscilan entre os 2.000 e os 7.000 euros.
Na anterior edición do programa Rías Baixas Acción destináronse 90.000 € para oito filmes entre os que se atopaban “Castelao”, “Da túa man para a miña”, “Entelequias”, “Illa”, “Arco da Vella”, “Curmán”, “Aquarium” e “Un home que foxe”.