A Deputación designa co nome de José Manuel Pérez, Portu, o auditorio de Príncipe Felipe en homenaxe a un traballador que abanderou á perfección a vocación de servizo da institución

Familiares, amigos e compañeiros do organismo provincial reúnense en Príncipe Felipe, para homenaxear a unha persoa que deixa unha pegada imborrable polo seu labor profesional e pola súa personalidade para dinamizar a actividade social na Deputación

02/12/2025

A Deputación designa co nome de José Manuel Pérez, Portu, o auditorio de Príncipe Felipe

"Un recordatorio que quedará para a nosa historia, para lembrarnos a importancia de apoiarnos os uns aos outros, de trocar o ceño fruncido por un sorriso e de tender pontes en lugar de ensanchar as fendas. Iso facía Portu cada día. El puxo a súa impronta de servizo e amabilidade nesta casa e non ao revés. Ese é o seu legado e o camiño que queremos seguir", afirmou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, no acto de homenaxe a José Manuel Pérez Matos, Portu. Bautizar co seu nome o auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe, é o recoñecemento da provincia a un traballador recentemente falecido cuxa vida sempre estivo ligada á Deputación e que deixa para sempre unha fonda pegada na Administración provincial.

No auditorio de Príncipe Felipe, complexo no que se criou Portu, reuníronse familiares, amigos, compañeiros de traballo e representantes do goberno provincial encabezados polo presidente Luis López para lembrar a súa figura. Un emotivo encontro no que, despois de descubrir a placa co seu nome á entrada do auditorio, se repasou a vida do extraballador da Deputación, desde a súa infancia en Príncipe Felipe ata a súa vida laboral nos servizos de mantemento e protocolo da Administración provincial pasando pola súa etapa como futbolista no Pontevedra CF e o seu papel á hora de dinamizar a actividade social e lúdica na Deputación como organizador das actividades do Nadal ou do Entroido.

"Cada vez que nos sentemos neste auditorio, entremos en Príncipe Felipe ou nos xuntemos para celebrar o que nos une, teremos sempre presente a unha persoa que dedicou a súa vida a atender aos demais, a un traballador que soubo converter un centro de traballo en fogar; e a compañeiros de traballo, en familiares e a un amigo que marchou antes de tempo, pero deixou unha pegada para sempre", salientou o presidente para clausurar un acto que contou coa música en directo de Guadi Galego e no que tamén interviñeron o fillo menor de Portu, Andrés Pérez; a antiga alumna de Príncipe Felipe, Pili Soliño; o exadestrador do Leis, Paco Presas; e os representantes dos traballadores de mantemento da Deputación, Elías Outeda e Roberto Calvo.

"Portu era único. Unha desas persoas que nunca tiña días malos e, se os tiña, agochábaos sempre detrás dun sorriso, dunha broma ou de tantas e tantas palabras de ánimo e agarimo. Todo para axudar ao que tiña ao lado, para que a tensión das cousas do día a día foran menos pesadas e para xerar sempre un ambiente familiar. Se a Deputación é a casa todos os pontevedreses e pontevedresas, para Portu a Deputación foino en sentido figurado e en sentido literal", concluíu o presidente Luis López.

O vínculo de Portu co organismo provincial comezou coa súa chegada á Escola Fogar en 1971 e co seu desembarco en Príncipe Felipe, en 1978, iniciou a súa época como traballador. Con esta denominación do auditorio de Príncipe Felipe co nome de José Manuel Pérez Matos, o legado de Portu quedará ligado ao lugar no que medrou, no que forxou fondas amizades e no que o acompañou tanto na súa vida persoal como na laboral.

Galerias de imagenes