A Deputación iluminará o Pazo provincial de azul con motivo do Día Mundial da Infancia

A institución súmase un ano máis á iniciativa promovida por UNICEF Comité Galicia, que se celebra o 20 de novembro

18/11/2025

A Deputación de Pontevedra tinguirá de azul o Pazo provincial desde as 20:30 horas deste xoves 20 de novembro ata ás 7:30 horas da mañá do venres 21 de novembro ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Infancia, que se celebra cada 20 de novembro. A institución provincial súmase así un ano máis á iniciativa promovida por UNICEF Comité Galicia. 

A institución provincial revalida deste xeito o seu apoio ás accións desenvolvidas para concienciar á cidadanía sobre a importancia de sumar esforzos en garantir os dereitos e o benestar da infancia. Este ano, baixo a campaña “Acéndete polos dereitos da infancia”, UNICEF Comité Galicia busca poñer o foco en que se trata dunha responsabilidade compartida e na renovación do compromiso colectivo de toda a sociedade.

Os nenos e nenas constitúen o colectivo máis vulnerable e, por conseguinte, o que máis sofre as crises e os problemas do mundo. Neste día a Deputación lembra que a infancia ten dereito á saúde, a educación e a protección, independentemente do lugar do mundo no que nacera; fai un chamamento sobre as necesidades das e dos máis cativos e recoñece o labor das persoas que traballan para que a infancia teña un futuro mellor.