A Deputación recoñece o talento e compromiso de catro universitarias da provincia nos Premios Sofía Novoa

Os traballos de Carmen María Caeiro Rodríguez, María Luisa Silvela Costoya, Cristina Pérez Carmuega e Raquel Álvarez Martínez foron os seleccionados polo xurado.

26/12/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de dar a coñecer a decisión do xurado da oitava edición dos Premios Sofía Novoa, cos que recoñece a inclusión da perspectiva de xénero en catro traballos de fin de grao e fin de máster da Universidade de Vigo presentados nos campus de Pontevedra, Vigo e Ourense durante o curso 2022/2023.

Na modalidade de traballos de fin de grao, os primeiros premios foron para Carmen María Caeiro Rodríguez, de Ponteareas, polo seu traballo Introdución da Axenda 2030 con perspectiva de xénero na Educación Primaria: a asemblea como recurso, e para María Luisa Silvela Costoya, de Pontevedra, por O corpo como lugar de resiliencia, que reciben unha dotación económica de 1.000 euros cada unha.

Pola súa banda, na modalidade de traballos de fin de máster, o xurado decidiu premiar con 1.000 euros a Cristina Pérez Carmuega, de Pontevedra, por Xogos e xoguetes tecnocientíficos na Educación Infantil: análise dende unha perspectiva de xénero, e a Raquel Álvarez Martínez, de Bueu, polo traballo Mulleres, arte e literatura: tres vértices posibles dunha intervención didáctica promotora do desenvolvemento sostible na Educación Infantil.

Os premios tamén buscan poñer en valor a figura de Sofía Novoa, unha pianista e pedagoga viguesa cun gran compromiso coa cultura e unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo que posibilitou o acceso á educación superior de moitas mulleres e que estas puidesen ocupar os espazos públicos. Precisamente, este martes 26 de decembro, ás 19:00 horas, a Sede de Vigo da Deputación acollerá un faladoiro ao abeiro do programa “Aquí faltan páxinas”, no que a pianista e profesora de música Carmen Losada lembrará a súa traxectoria.

Este ano o xurado estivo presidido por Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación, e pola deputada de Benestar Social e Igualdade da Deputación, e integrado por María Álvarez Lires, didáctica das ciencias experimentais na Facultade das Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo; Silvia Pérez Freire, profesora na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo; Marta Caldas, traballadora social do Servizo de Igualdade da Deputación, e Ana Isabel Amoedo, técnica do Servizo de Igualdade.