#IGUALDADE
Premios Sofía Novoa
Á inclusión da prespectiva de xénero nos traballos de fin de grao e fin de máster
A Deputación de Pontevedra, dentro das súas múltiples liñas de actuación na promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, potencia un ano máis a realización de traballos de fin de grao e fin de máster nos que se integre a perspectiva de xénero.
Consciente da importancia da investigación e do estudo do significado e o alcance da igualdade entre mulleres e homes, que redunda en beneficio do progreso e do benestar do conxunto da sociedade, convoca os Premios Sofía Novoa Ortiz á Inclusión da Perspectiva de Xénero nos Traballos de Fin de Grao e Fin de Máster
- Obxectivo: fomentar, consolidar e dar a coñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de máster e fin de grao realizados na Universidade de Vigo nos campus de Vigo e de Pontevedra.
- Persoas beneficiarias: alumnado da Universidade de Vigo pertencente aos campus de Pontevedra e Vigo.
- Persoas premiadas
Semblanza de Sofía Novoa Ortiz
Sofía Novoa Ortiz (Vigo, 1902 – Madrid, 1987)
A súa infancia e adolescencia transcorren no seo dunha familia republicana socialista que mantiña relacións de amizade con notables representantes da Institución Libre de Enseñanza. Estuda bacharelato e en 1919 trasládase a Madrid, onde se aloxa na Residencia de Señoritas, pioneira institución feminina (1915), dependente da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), encargada de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España no primeiro terzo do século XX. A Residencia de Señoritas posibilitou o acceso á educación superior a moitas mulleres, pois daquela unicamente se podía estudar especialidades ou realizar o doutoramento en Madrid. Estaba dirixida por María de Maeztu, con quen Sofía mantivo unha relación de amizade e colaboración non exenta de desacordos.
Sofía Novoa remata a carreira de Solfexo, Harmonía e Piano en 1925, no Conservatorio Superior de Música de Madrid, con premio extraordinario. No curso 1925-1926 estuda en Lisboa Piano, Contrapunto, Inglés, Portugués, Historia e Análise da Música. En 1928 trasládase a París, grazas a unha pensión da Deputación de Pontevedra, pero ten que regresar a Vigo por problemas de saúde da súa nai. En 1929 volve a París, onde estuda con Nadia Boulanger e Jaques Dalcroze, que buscaban na música e na ximnasia rítmica o desenvolvemento harmónico individual da capacidade e sensibilidade do colectivo de estudantes: "el desarrollo de las cualidades auditivas, rítmicas y artísticas individuales potenciarían la unicidad del individuo y su capacidad de pensar, actuar y decididir".
Sofía pretende dinamizar o panorama español e "si no hacerlo todo, sí mucho". Nas cartas que intercambia con María de Maeztu pódese ler:
"Estoy convencida de que la base de toda formación musical debe ser la gimnasia rítmica, el dictado musical y la asistencia a conciertos. Y eso, claro está, de una manera general, y para aquellas personas que no hagan una profesión de la música. Es necesario que la gente empiece a creer que si es preciso conocer a Velázquez y saber que Cervantes existió, si los niños deben ser conducidos a los museos y leer el Quijote, deben también, sin lo cual ninguna formación espiritual sea perfecta, conocer las grandes figuras musicales de pasados tiempos y sus obras más importantes..."
Regresa a Madrid en 1930. Nas memorias da JAE figura como profesora de Música da sección de Preparatoria do Instituto-Escuela (en parvulario e en primeiro ensino, con alumnado de entre 4 e 11 anos) desde o curso 1931 ata 1934, ano en que deixan de publicarse ou quizais desaparecen durante a Guerra Civil. Na última memoria consta que se encargaba, con outras compañeiras, de Canto e Rítmica. Vai permanecer na Residencia de Señoritas ata 1936, con estadías intermitentes no estranxeiro, desempeñando diferentes funcións, pois foi profesora de Música (ximnasia rítmica e canto) e de Historia da Música, ás veces alternando co Instituto-Escuela e impartindo conferencias.
É unha das artífices, xunto a María de Maeztu, do desenvolvemento dun ambicioso programa educativo pioneiro da residencia, así como a promotora e a primeira presidenta (1931-1935) da Asociación de Alumnas da Residencia, estruturada en cinco seccións: literario-científica, artístico-musical, acción social, deportes e internacional. Sofía dirixe a sección artístico-musical.
En 1936 obtén unha bolsa da JAE de tres meses para ir a París-Fontainebleau e Xenebra, co fin de poder aplicar os coñecementos adquiridos para organizar "cursillos de música esencialmente educativa que sirvan para afirmar su formación en la materia a que se dedica y redunde en positiva eficacia en su función didáctica y metodológica".
Non pode gozar da bolsa, debido ao golpe de estado de 1936 e á posterior Guerra Civil. En 1937 Sofía embarca en Lisboa (no transatlántico Vulcania) cara ao exilio, ao igual que María de Maeztu. Á súa chegada aos Estados Unidos matricúlase en Filosofía e Letras na Universidade de Columbia, na que se licenciará nesta especialidade.
Ao pouco tempo comeza a dar clase de Español nesta universidade, durante dous anos, para despois asentarse definitivamente no Vassar College (Poughkeepsie, Nova York), onde chega a ser catedrática e directora do Departamento de Español, ata a súa xubilación en 1967. Alí compaxina a docencia con actividades musicais e radiofónicas. Tamén imparte cursos de verán no Middlebury College (no estado de Vermont). Nos Estados Unidos coincide cun grupo exiliado do que forman parte Jorge Guillén, Pedro Salinas ou Pilar Madariaga. En 1949 viaxa a Madrid para ler a súa tese, dirixida por Rafael Lapesa, na Facultade de Filosofía e Letras.
No mesmo ano da súa xubilación vén para España. Aínda que pasa os veráns en Vigo, aséntase en Madrid, cidade na que morre en 1987. Logo de ser incinerada, as súas cinzas repousan no panteón familiar de Cangas, cumprindo a súa vontade. Unha placa no bosque do Vassar College lembra o seu paso como profesora desta institución. Foi esquecida pola historia, coma tantas mulleres, e a súa memoria recuperouse recentemente grazas aos estudos de Leticia Sánchez, Ricardo Gurriarán, Elvira Melián ou Carmen Losada.