Luis López informa de que a Deputación convocará axudas por case medio millón de euros para apoiar os concellos e as entidades sociais na loita contra a violencia machista

O salón de plenos do Pazo provincial acolleu a oitava edición duns galardóns que premian os mellores traballos de fin de grao ou máster relacionados coa igualdade

01/02/2024

O presidente provincial entregou os Premios Sofía Novoa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou da aprobación dunha nova convocatoria de axudas en materia de igualdade por valor de 460.000 euros destinada a apoiar os concellos da provincia e as entidades sen ánimo de lucro na loita contra a violencia de xénero e no fomento da igualdade. Fíxoo na oitava edición da cerimonia de entrega dos Premios Sofía Novoa, cos que a Deputación premia cada ano os mellores traballos de fin de grao e fin de máster, realizados desde a perspectiva da igualdade, das estudantes universitarias da provincia. “Recoñecemos non só a excelencia académica dos vosos traballos; tamén destacamos a sensibilidade, o compromiso coa igualdade e o espírito crítico”, sinalou o mandatario provincial antes de agradecer o traballo realizado por Carmen María Caeiro Rodríguez, María Luisa Silvela Costoya, Cristina Pérez Carmuega e Raquel Álvarez Martínez.

No seu discurso, Luis López remarcou o compromiso do Goberno provincial coa igualdade. “Compromiso que evidenciamos con certames coma os Sofía Novoa, os Premios Mulleres no Foco ou os centos de cursos, charlas ou obradoiros que programas provinciais coma +Xuntas espalla por todos os recunchos da provincia”, expuxo o presidente. Neste sentido, informou tamén das bases dunha nova convocatoria que está previsto que se aprobe este venres na Xunta de Goberno. Trátase dun plan dotado con 460.000 euros que se repartirán entre concellos e entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. “Grazas a esta inxección, tanto os concellos coma os colectivos poderán afondar na atención integral ás vítimas e ás persoas ao seu cargo, na axuda á inserción laboral destas mulleres, ou en labores de concienciación tan necesarias para que as vítimas cheguen a cifras inexistentes”, remarcou o dirixente.

Nunha gala conducida pola xornalista pontevedresa María Varela e co acompañamento ao piano de Noemí Salomón, o presidente fixo fincapé nas calidades que as catro estudantes premiadas comparten con Sofía Novoa, coma a busca dunha sociedade máis xusta e igualitaria, o feminismo ou o traballo para recoñecer o talento feminino e a súa inclusión nos eidos da educación, da ciencia ou da investigación. Fíxoo referíndose aos valores que transmiten os traballos das catro gañadoras: o de Carmen porque “anima as rapazas a alzar a voz e defender as súas ideas”; o de María Luísa, que fala “da importancia de valorarse a un mesmo”; o de Cristina, para “rachar con prexuízos doutra época que dicían que hai un entretemento para nenas e outro para nenos”; ou o de Raquel, centrado en “concienciar desde as idades máis pequenas sobre o desenvolvemento sostible a través do feminismo e da literatura”.

O presidente da Deputación rematou o seu discurso cunhas palabras de agradecemento e cun compromiso firme. “Non podo facer outra cousa que darvos as grazas. Grazas polos vosos traballos, que, ademais de excelentes, levan á reflexión e a construír unha sociedade máis xusta; grazas por honrar cunhas obras de tanta calidade o nome, a memoria e a loita dunha muller coma Sofía Novoa; e grazas ás gañadoras e a todas as que se presentaron a este certame por darlle sentido coa vosa participación a este tipo de iniciativas”, recoñeceu Luis López, quen prometeu que “a Deputación de Pontevedra está orgullosa de camiñar ao voso carón para ofrecer todo o apoio que sexa necesario”.

Galerias de imaxes