A Deputación reforza a súa aposta polos fondos europeos e forma aos concellos na xestión de proxectos do plan de recuperación

O persoal público de unha vintena de municipios da provincia participou nunha xornada de formación para obter os coñecementos básicos e necesarios para xestionar e sacar o máximo partido aos fondos Next Generation UE

26/06/2022

A Deputación de Pontevedra ofreceu ao persoal público dunha vintena de concellos da provincia unha actividade formativa sobre os procedementos de xestión dos Fondos Next Generation. Trátase dunha nova aposta da entidade provincial por compartir cos municipios os coñecementos e experiencias que poidan axudarlles a aproveitar ao máximo todas as oportunidades que ofrecen os fondos europeos, así como ter toda a información necesaria para xestionalos.

Se ben o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) posto en marcha polo Goberno de España supón unha enorme oportunidade de investimento público para a provincia de Pontevedra, tamén é un gran reto a nivel da xestión das administracións locais, que presenta un cambio de paradigma na xestión de fondos importante. Por iso, durante a actividade telemática organizada pola Deputación, o persoal encargado da xestión de proxectos e subvencións, de contratación, intervención e secretaría dos concellos tivo a oportunidade de descubrir os procedementos de xestión, execución e control dos Fondos Next Generation.

Desta maneira, as entidades locais puideron formarse para comprender en maior profundidade a estrutura de xestión destes fondos, a importancia do logro dos fitos e obxectivos establecidos para cada proxecto, que é a etiquetaxe verde e dixital ou o significado do concepto Do No Significant Harm (DNSH), entre outros. Tamén tiveron a posibilidade de formarse no sistema de información que hai que reportar ou no emprego de CoFFEE (a Plataforma Común de Fondos Europeos) deseñada a tal efecto.

No marco desta formación, o persoal dos diferentes concellos tamén tivo a oportunidade de resolver as súas dúbidas en torno ao Plan de Medidas Antifraude, documento elaborado pola Deputación que establece os principios e normas a aplicar en materia antifraude e anticorrupción á hora de xestionar os fondos provenientes deste Mecanismo. Ademais, houbo tempo para solucionar outras cuestións e interrogantes no marco do desenvolvemento e implantación do PRTR.

Dentro da súa estratexia para xestionar adecuadamente estes fondos europeos, a Deputación desenvolveu hai uns meses o seu propio “Manual de Procedementos para a Xestión dos Proxectos Aprobados no Marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Deputación de Pontevedra”. A súa finalidade é asegurar o   cumprimento dos principios de xestión das actuacións financiadas polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), así como implementalos nos procedementos de xestión propios. Ademais, é un documento que pode sirvir de apoio e guía para que as entidades locais poidan asegurar unha mellor xestión, completando outras ferramentas, normativas e instrucións desenvoltas pola institución provincial para a facilitar a xestión do Plan de Recuperación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.