A Deputación ultima os días para visitar as Ruínas de San Domingos

O monumento histórico, unha das sedes do Museo de Pontevedra, pechará as súas portas o venres 31 de outubro ata a próxima primavera

27/10/2025

Este venres 31 de outubro, a Deputación de Pontevedra pecha ao público durante os meses de inverno as Ruínas de San Domingos. Do martes ao venres desta semana serán os últimos días nos que o máis antigo dos sete edificios que conforman o Museo de Pontevedra permaneza aberto ao público este ano, no seu horario de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:30 h.

As Ruínas volverán abrir o 15 de marzo de 2026. Entre o 1 de novembro e o 14 de marzo permanecerán pechadas, se ben poden concertarse visitas para grupos contactando co Museo de Pontevedra. A viabilidade das visitas dependerá das condicións meteorolóxicas e da dispoñibilidade do departamento de Educación do Museo na data solicitada.

As Ruínas de San Domingos son un lugar icónico da cidade de Pontevedra. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.