A Deputación abre a finais de mes o prazo para participar no programa “Provincia activa”, destinado a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia

“Queremos, con ‘Provincia activa’, favorecer a participación e a cooperación social, promover espazos de encontro e de intercambio de experiencias e fomentar a independencia das persoas maiores”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López

19/01/2024

Xunta de Goberno do 19 de xaneiro de 2024

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este venres as bases do novo programa “Provincia Activa” que, cun orzamento de 146.000 euros, está destinado a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros formativos. “Queremos, con este programa, favorecer a participación e a cooperación social, promover espazos de encontro e de intercambio de experiencias e fomentar a independencia das persoas maiores”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López.  As entidades interesadas en beneficiarse de “Provincia activa” poderán solicitalo entre o 29 de xaneiro e o 26 de febreiro.

A través de “Provincia activa” ofreceranse un total de 130 obradoiros. Cada un deles estará dirixido, tal e como informou López, a un máximo de 25 persoas e cada entidade solicitante poderá pedir un obradoiro entre os ofertados que, á súa vez, estarán enmarcados en seis temáticas: “Benestar natural”, “Saúde en movemento”, “Emociónate”, “Outra vida”, “Con ritmo” e “Redeir@s”.

En “Benestar natural” inclúese un obradoiro sobre plantas medicinais e en “Saúde en movemento”, actividades de pilates, ioga e ximnasia de mantemento. Pola súa banda, “Emociónate”, centrada na saúde mental, abrangue obradoiros de memoria, musicoterapia ou risoterapia e “Outra vida”, obradoiros relacionados co teatro ou coa restauración de mobles. Ademais, a través de “Con ritmo”, a quinta das temáticas, ofertaranse cursos de bailes de salón, pandeireta e canto popular; finalmente, con “Redeir@s” achegarase formación centrada en dotar as persoas maiores de habilidades dixitais e coñecementos avanzados en informática.

 

audios