#BENESTAR SOCIAL

Provincia activa

A Deputación de Pontevedra oferta 160 obradoiros para promover o envellecemento activo das persoas maiores da provincia


A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Benestar Social, pon en funcionamento un ano máis o programa “Provincia activa” 2026 coa finalidade de favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia de Pontevedra a través da súa participación en obradoiros temáticos.

Este programa conta cun orzamento de 266.055,13 € e ten como finalidade favorecer a participación e a cooperación social, así como promover espazos de encontro e intercambio de experiencias que permitan fomentar a independencia das persoas maiores e así evitar o illamento e as situacións de soidade.

A institución porá á disposición das persoas xubiladas e pensionistas un total de 160 obradoiros, con 25 prazas cada un, o que supón a participación de máis de 3.000 persoas. Así, ofértanse os seguintes obradoiros: Benestar Natural, Saúde en Movemento, Emociónate, Outra Vida, Con Ritmo!, Redeir@s e Cerebro Activo. Cada un terá unha duración de 30 horas e impartirase en xornadas de entre unha a tres horas á semana.

As entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde o 12 de febreiro ata o 11 de marzo de 2026 e as prazas concederanse mediante o procedemento de concorrencia non competitiva.

Só se poderá adxudicar un obradoiro por entidade, que terá un custo de sete euros por participante.