A Guarda abordará a reforma integral do pavillón da Sangriña ao abeiro do Plan Reacpon da Deputación

Carmela Silva e o alcalde Antonio Lomba asinan o convenio para acometer esta ambiciosa actuación, que ten un orzamento de 1,8 millóns de euros, nunha das dotacións deportivas máis importantes da vila e na que xoga o Atlético Guardés, “o orgullo desta provincia”

04/03/2022

Reacpon A Guarda

“Hoxe é un día para que todo o deporte e a veciñanza da Guarda estean satisfeitas polo gran paso que damos, e non me queda máis que agradecer á Deputación porque nos axudastes a facelo posible”. Deste xeito valorou hoxe o alcalde desta localidade, Antonio Lomba, a achega do Plan ReacPon que permitirá “darlle unha volta completa” cunha reforma integral ao pavillón da Sangriña, unha das infraestruturas deportivas máis importantes do Concello e fogar do equipo feminino referente do balonmán galego e nacional, o Atlético Guardés. A presidenta Carmela Silva, que destacou que a obra a realizar converterá este polideportivo nun “emblema”, e Antonio Lomba asinaron hoxe o convenio -o último dos 47 firmados con concellos da provincia que recibirán achegas deste plan-, para abordar este proxecto que ten un importantísimo orzamento de 1,8 millóns de euros, dos que a institución provincial achegará 609.672,74€ e o Concello da Guarda 1.260.994,79€.

Tal e como lembraron Carmela Silva e o alcalde Antonio Lomba , a reforma da Sangriña é unha das obras demandadas historicamente pola veciñanza da Guarda, en especial polo club e a súa afección, e que o rexedor xa trasladara á presidenta no seu primeiro acto ao fronte da Deputación en agosto do ano 2015. “A Guarda o merece todo porque é un pobo único –subliñou Carmela Silva-. E síntome moi feliz de que a institución provincial poida como neste caso dedicar recursos para que se cumpran os soños dos pobos”.

A presidenta puxo en valor un proxecto “tan potente” e cun investimento ambicioso para unha instalación na que a veciñanza da Guarda “sente o orgullo” do seu equipo feminino de balonmán, “mulleres guerreiras que son o gran orgullo desta provincia, de Galicia e do Estado, que compiten a nivel nacional e internacional e sempre nos dan moitas alegrías e tantos éxitos”. “Este é un concello pequeno con escasos recursos pero que ten a ambición de transformar o seu municipio”, engadiu, tras afirmar que o proxecto xa está en fase de licitación e que máis que unha reforma, vai supoñer “un novo pavillón, cunha transformación total e absoluta tanto do polideportivo como do espazo que o circunda”. Para a presidenta, esta obra “fala do ben que o está a facer o mundo local, e creo que o Goberno do Estado e particularmente  a Xunta deberían ser conscientes de que as grandes transformacións serán posibles se teñen recursos os concellos. Espero que aporten máis recursos para que os alcaldes e alcaldesas poidan desenvolver os soños da súa veciñanza”.

A presidenta agarda que agora outras administracións, en concreto a Xunta, cumpran o seu compromiso para financiar tamén esta actuación: “Seguramente si que o farán, porque a Xunta inviste moitos recursos noutros concellos e espero que o faga na Guarda”. Neste senso alcalde, Antonio Lomba, tamén subliñou que agarda que a administración autonómica “nos próximos días faga honra á súa palabra e colabore nesta obra”. O alcalde sinalou que falamos “dunha actuación importantísima coa que imos ter unha instalación case nova que cumpra coas expectativas dun pavillón moderno como o que hoxe merece un club como o que temos, o Atlético Guardés que nos está a representar na máxima categoría do balonmán feminina nacional. Hai que seguir traballando, dixo, e no futuro necesitaremos un novo pavillón, pero había que dar este paso para ter A Sangriña nas mellores condicións”.

Lomba tamén se referiu á humanización da praza Concepción Arenal, realizada co Plan de Reequilibrio da Deputación, “que agora estamos a desfrutar e para a que aínda faltan obras complementarias, co que a desfrutaremos máis co tempo”. Tanto esta como a do pavillón son “dúas actuacións que eran case soños, e que viamos moi difíciles porque eran obras moi potentes. Agora chegoulle a quenda ao pavillón, polo que hoxe é un día de ledicia”.

O proxecto

O pavillón da Sangriña modernizarase de xeito integral coa reforma interior das instalacións, que inclúe a ampliación da zona de espectadores –pasará das preto de 500 prazas ata 700, cun aumento do 48%- e a mellora da accesibilidade, seguridade e eficiencia enerxética. Amais, dotarase dunha nova cuberta e fachada, esta última deseñada como unha “nova pel” que envolva ao edificio preexistente con novos atributos e ambientes. A nova imaxe conseguirase a través dunha fachada de carácter representativo de dúas alturas, formada por unha base de formigón que se suplementa cunha fachada ventilada que permitan a entrada controlada de luz.

Crearase unha nova bancada e unha zona de circulación de espectadores na parte superior, que permitirá un acceso máis cómodo e controlado, amais de habilitar unha zona para espectadores en cadeira de rodas e tres núcleos de escaleiras. Abordaranse 4 vestiarios xerais, 1 vestiario accesible, 1 para árbitros/as, 2 núcleos xerais de aseos e 3 aseos accesibles e entre os espazos de que se dotará figuran unha área de prensa, un espazo de enfermería e de control antidopaxe e unha cantina. No exterior, o proxecto contempla a rexeneración dos espazos urbanos colindantes, con beirarrúas con bandas de pedra e bordillos sen diferencia de nivel.

videos