A Selección Española de Fútbol Feminino visitará a Deputación de Pontevedra co seu trofeo de campioas do mundo

A visita enmárcase no contrato de patrocinio do partido que se disputará entre as seleccións de España e Italia o próximo 1 de decembro en Pontevedra, e ao que a institución provincial destina máis de 200.000 euros

17/11/2023

Rafa Dominguez na rolda de prensa

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou hoxe que “a Selección Española de Fútbol Feminino visitará a Deputación de Pontevedra co seu trofeo de gañadoras do Mundial” no marco do partido que acollerá a Boa Vila entre as seleccións de España e Italia o próximo 1 de decembro na Women’s Nations League e que será patrocinado pola institución provincial. O partido vai ser televisado en horario de máxima audiencia e estímase un retorno económico superior ao millón e medio de euros, polo que este evento deportivo terá unha importante repercusión na provincia. “Será sen dúbida todo un acontecemento”, asegurou o vicepresidente.

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación deste patrocinio a través dun acordo subscrito coa Federación Española de Fútbol e ao que a institución destinará máis de 200.000 euros para ter unha ampla presenza neste evento. As aparicións da Deputación concrétanse na inserción da imaxe institucional na peaña do balón, o taboleiro de aliñación, o arco de saída, o material impreso e as zonas VIP, entre outras, a inserción de spots publicitarios no marcador, 12 minutos de presenza no circuíto televisivo, reserva dun espazo na denominada “fan zone” ou a aparición nas publicacións da Federación nas súas plataformas sociais.

O vicepresidente provincial asegurou que o modelo do Goberno da provincia pasa por unha firma aposta polo deporte. “O noso obxectivo é avanzar, queremos atraer grandes eventos deportivos a Pontevedra e convertela en escenario de probas deportivas de primeiro nivel, porque sabemos da súa estreita relación coa promoción económica da provincia”, valorou Domínguez.

As entradas para o evento, que terá lugar no Estadio Municipal de Pasarón, sairán á venda o próximo xoves 23 de novembro.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.