A vicepresidenta Luisa Sánchez asiste en Vigo ao encontro AECT Ibéricas 2025
03/06/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este martes en Vigo ao encontro AECT Ibéricas, un evento promovido pola AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que reuniu as agrupación transfronteirizas de España, Portugal e Francia para fortalecer as relacións entre territorios fronteirizos europeos. O obxectivo do encontro é fomentar o desenvolvemento económico e social nas zonas de fronteira eliminando as barreiras burocráticas, mellorando a coordinación administrativa e promovendo a mobilidade e o emprego transfronteirizos, ademais de abordar a cohesión territorial como eixe clave no contexto actual, onde a transformación dixital, os retos ambientais e os cambios xeopolíticos marcan a axenda.
A Deputación de Pontevedra forma parte do AECT Rio Minho xunto coa Comunidade Intermunicipal do Alto Miño, nun ámbito que abarca 16 concellos do sur da provincia e 10 municipios do norte de Portugal no eixo Vigo-Porto. Cómpre sinalar que esta fronteira é a máis poboada de todo o territorio que separa España e Portugal, concentrando o 47% de todos os desprazamentos entre ambos os dous países.

