A Deputación e a Editorial Galaxia abren este martes o prazo de inscrición para o último taller da Escola de Letras 2023 con Diego Giráldez

As persoas interesadas en participar no obradoiro, que se celebrará entre setembro e outubro en Pontevedra, deberán anotarse a partir das 8 da mañá no enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal

10/07/2023

Este martes 11 de xullo, ás 8 da mañá, abrirase o prazo de matriculación para o último dos obradoiros da Escola de Letras da Deputación e a Editorial Galaxia deste ano, que impartirá entre os meses de setembro e outubro Diego Giráldez no Edificio Administrativo da institución provincial en Pontevedra. As persoas interesadas en participar deberán anotarse a partir das 8 da mañá en escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando o seu nome completo, enderezo electrónico, número de teléfono e, no asunto do corpo, o obradoiro, cidade e docente. As peticións formalizaranse por estrita orde de chegada.

O taller literario, que pechará a cuarta edición da Escola, arrancará o día 12 de setembro e continuará os días 19 e 26 dese mes e o 2, 9, 16, 23, 30 de outubro, en horario de 18 a 20 horas. Consta de quince prazas (terán preferencia as persoas que non participaron na Escola con anterioridade) e haberá unha lista de agarda para cubrir posibles baixas. O encargado de impartilo, Diego Giráldez (O Porriño, 1976), leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo, dirixindo distintos xornais e revistas e colaborando como columnista. Licenciado en Historia da Arte, publicou varios traballos, que abranguen desde a arquitectura ata a historia económica. Sen renunciar á creación literaria, con vinte anos participou xunto con outros autores no poemario Baldío. En 2016, saíu á luz Galería de saldos, o seu primeiro traballo literario de narrativa, co que foi elixido Autor Galego do Ano polas lectoras e lectores da revista Fervenzas Literarias. En 2010 gañou o Premio Literario de Relato Curto José Saramago e ese mesmo ano recibiu o Premio Círculo Cultura. En 2015 fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo e un ano despois gañou o premio literario Manuel Murguía.

Coa celebración deste obradoiro, a Escola de Letras pechará a súa cuarta edición. Neste ano, programáronse un total de seis cursos en Vigo e Pontevedra, da man do claustro formado por Inma López Silva, Antonio García Teijeiro, Esther Carrodeguas e Marta Dacosta, amais de Diego Giráldez. A Escola está dirixida por Francisco Castro, director de Galaxia.