A Escola de Letras da Deputación e a Editorial Galaxia pechan a súa cuarta edición cun novo obradoiro a cargo de Diego Giráldez

O obradoiro literario terá lugar a partir deste martes no salón de actos do Edificio Administrativo durante os meses de setembro e outubro

12/09/2023

A Escola de Letras - Obradoiro a cargo de Diego Giráldez

Foto del autor: © Mateo H. Soto

Este martes 12 de setembro comeza o último obradoiro da actual edición da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, no salón de actos do Edificio Administrativo da institución provincial en Pontevedra. O obradoiro literario, que impartirá Diego Giráldez, pechará a cuarta edición da Escola e ten xa todas as súas prazas cubertas.

Despois do seu comezo este 12 de setembro, a acción formativa continuará todos os martes deste mes e todos os luns de outubro de 18 a 20 horas.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976) leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo, tanto na dirección de xornais e revistas coma con colaboracións como columnista. En 2016 publicou Galería de saldos, un libro de relatos curtos co que se estreou na narrativa. Tras el viñeron as novelas Hotel para coleccionistas discretos (2019) e O meu sangue (2021), e as obras colectivas O libro dos trens e A secreta melancolía da garza (2019). Entre os galardóns que recibiu destacan o Premio Literario José Saramago de Relato Curto en 2010 e o Premio Literario Manuel Murguía en 2016.

Este ano a Escola de Letras da Deputación e a Editorial Galaxia programaron un total de seis cursos en Vigo e Pontevedra, da man do claustro que forman Inma López Silva, Antonio García Teijeiro, Esther Carrodeguas e Marta Dacosta, ademais de Diego Giráldez.